OurenseÚltima hora

Termatalia 2026 reunirá en Expourense a destinos, empresas e profesionais do turismo de saúde de 16 países

Negocio e formación serán os principais eixos da feira que se celebra os días 24 e 25 de setembro e que contará con 60 expositores, 50 relatores e 15 operadores de turismo

 

Tras a edición en Colombia en 2025, Termatalia regresa á súa sede habitual en Europa e celebra unha nova edición en Ourense os días 24 e 25 de setembro. A 24ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar celébrase en Expourense convocando a expositores, almacenistas de viaxes, expertos en termalismo, medios de comunicación e visitantes profesionais de 16 países. O VII Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, coa participación de 50 expertos, e o Workshop de Contratación Turística, coa presenza de 15 TT.OO. internacionais líderes nos mercados dos seus países, serán as principais accións profesionais. A esta aposta pola formación especializada e o negocio sumaranse, como é habitual, a área expositiva e as actividades dirixidas ao público xeneral. Os obxectivos desta edición serán xerar negocio, coñecemento e cooperación ao redor do termalismo.

A nova edición de Termatalia era presentada na mañá deste luns 21 de setembro en Expourense nun acto ao que asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; o deputado de Turismo, Termalismo e Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández e o director xerente de Expourense e director de Termatalia, Rogelio Martínez. Todos eles destacaron que Termatalia é un perfecto exemplo de cooperación público-privada que contribúe a promocionar e posicionar o termalismo ourensán e galego no mapa internacional.

A 24ª edición de Termatalia preséntase como cita presencial e como gran punto de reencontro da comunidade termal internacional. Conta coa participación de 60 expositores de Europa e América. Termatalia 2026 conta coa presenza directa de 16 países (Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, Estados Unidos, Irlanda, México, Perú, Portugal, Ucraína e Uruguai).

Esta nova edición, de marcado carácter profesional, volverá incidir nas claves para o desenvolvemento do sector: negocio, formación e capital relacional ofrecendo para iso un completo programa de actividades profesionais nas que queda patente a necesidade da cooperación público-privada para o desenvolvemento do Turismo Termal e de Benestar a nivel mundial, posicionando ademais a Galicia e a Ourense como centros de formación profesional en materia de termalismo.

 

 

Termatalia recibirá expositores de 16 países de Europa e América. Destaca a forte aposta de Portugal, coa presenza de entidades públicas e privadas de todo o país, que ven en Termatalia o espazo idóneo para promocionar internacionalmente os seus centros termais.

A pesar de que a feira adquire un carácter máis profesional, a organización preparou un completo programa de actividades para que o público poida vivir a feira “regalándose saúde e benestar”. Un dos principais atractivos será a Ruleta “O misterio termal de Ourense” que estará dispoñible na caseta da Deputación Provincial de Ourense e á que o público poderá xogar e gañar distintos premios. Outra das novidades será a degustación de “Xeado Termal” e outras variedades co selo de Galicia Calidade e que estarán dispoñibles na caseta da Axencia de Turismo de Galicia.

A feira contará con varias áreas de masaxes que serán ofrecidos por unha banda, polo Centro Shalom e pola Asociación de Esteticistas de Galicia e, por outro, por alumnos de centros de FP de Ourense xa que, alén da distintas empresas, Termatalia involucrou ademais a estudantes de Formación Profesional de ramas relacionadas co benestar e a hostalería. Coordinado polo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional – Eduardo Barreiros, o alumnado do CIFP A Farixa e do IES 12 de Outubro de Ourense realizará distintas demostracións e tratamentos na feira.

Tamén se impartirá un taller de ioga wellness a cargo de Experiencia Wellness e non faltará a Asociación Diabética Auria para lembrar a importancia de manter hábitos de vida saudables.

O horario de feira será de 9:30 a 18 horas de forma ininterrompida o xoves 24 e o venres 25 de setembro. Toda a información está dispoñible en www.termatalia.com e nas súas redes sociais. O acto de inauguración oficial será o xoves 24 de setembro ao 9:30 horas.

 

Back to top button