Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, chega a Colombia para celebrar a súa sexta edición en América entre o 24 e o 26 de setembro. Baixo o lema “Unha viaxe que sanda”, Termatalia Colombia 2025, está a celebrarse na municipalidade termal de Paipa, no departamento de Boyacá, co obxectivo de posicionar a esta rexión como destino termal internacional pola calidade e cantidade das súas augas termais. Esta edición está a convocar a profesionais de 18 países entre expertos, expositores, medios de comunicación e asistentes ao VI Congreso Internacional sobre Auga e Saúde que deu comezo esta mañá no Hotel Sochagota de Paipa, sede central do evento. Os países representados nesta edición son Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, #Ecuador, España, Francia, Hungría, Islandia, México, Panamá, Perú, Portugal, Tailandia, Uruguai e Venezuela.
Nesta primeira mañá de Termatalia Colombia 2025 arrincaron as accións profesionais do evento e a área expositiva. Dentro do programa académico destaca o VI Congreso Internacional sobre Auga e Saúde que convoca a 55 relatores de 13 países, destacando a presenza de profesionais de Colombia, que exerce de país anfitrión, e tamén de España, berce de Termatalia. Este Congreso está a ser seguido de forma presencial por un auditorio de 500 asistentes aos que hai que sumar os que se conectan en streaming desde calquera parte do Mundo. O streaming é gratuíto e pode seguirse a través do link: https://www.youtube.com/@TERMATALIAVICONGRESOCOL
O programa científico deste Congreso responde as necesidades indicadas polos anfitrións para ampliar a súa formación en termalismo e turismo de saúde. Termatalia confección un programa ad hoc para responder a iso incluíndo sesións sobre Geotermia, Hidrología Médica, Cosmética Termal, Marketing, Lexislación, entre outras.
Ademais do VI Encontro Internacional sobre Auga e Saúde no que os relatores exercerán de docentes compartindo a súa experiencia e coñecemento, a novidade deste ano é a organización, de forma paralela e complementaria a este Congreso, dun programa de paneis especializados e conversatorios nos que os asistentes poderán profundar cara a cara co experto no tema concreto que lles resulte de maior interese.

Desde Paipa e Boyacá viven este evento como unha oportunidade histórica para mostrarlle ao mundo o potencial das súas augas termais e esperan que cumpra co propósito de impulsar o desenvolvemento económico e sostible desta rexión ao redor do termalismo. Boyacá foi elixida como a terceira rexión máis acolledora do mundo e á única rexión do planeta que concentra nun mesmo territorio e en diversos pisos térmicos e climas, augas termais doces e salgadas. Neste departamento sitúase a sede de Termatalia, Paipa, que aos seus 2.525 metros sobre o nivel do mar posicionouse como o epicentro do termalismo en Colombia. Co lago Sochagota como escenario, este municipio ofrece non só augas medicinais e terapéuticas buscadas por visitantes e deportistas de todo o mundo, senón tamén historia, cultura e deportes náuticos.
O acto de inauguración oficial do evento celebrarase pola tarde no Parque Jaime Rook situado en centro de Paipa. O director de Termatalia, Rogelio Martínez, estará acompañado neste evento polo Gobernador de Boyacá, Carlos Andrés Amaya; polo viceministro de Turismo de Colombia, John Alexander Ramos; polo alcalde de Paipa, Germán Ricardo Camacho; e pola responsable de Termalismo da Xunta de Galicia, Belén Gómez Quevedo. O acto protocolario inclúe a actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense, da Banda Sinfónica da Gobernación de Boyacá e da de Paipa.
A sexta edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar en América está organizada por Expourense co apoio dos anfitrións locais entre os que destacan a Gobernación de Boyacá, a Alcaldía de Paipa e o Instituto Termal de Paipa e coa colaboración de entidades nacionais como Fontur (Fondo Nacional de Turismo) e Cotelco (Asociación Hostaleira e Turística de Colombia) e tamén de entidades galegas como son a Xunta de Galicia ou a Deputación Provincial de Ourense.