ConcellosÚltima hora

“Terra en Pé Valdeorras” recolle sinaturas no marco da gala do Premio de Poesía FDG, no Barco

 

A gala de entrega do VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán que se celebraba na tarde deste  sábado 20 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco tiña un carácter solidario. Por vez primeira a entrada tiña un custe (5€ por persoa) e a recadación en taquilla e máis na fila cero habilitada para doazóns en conta, estará destinado a paliar os efectos dos lumes forestais que asolaron Valdeorras este pasado mes de agosto. “A ferida destes lumes forestais, nos que arderon moitas das paisaxes amadas por Florencio, tardará en sandar e a cultura ten moito que aportar nese proceso, a través do encontro, da beleza e da emoción”, en palabras da xerente da Fundación FDG, Débora Álvarez.

Tamén para lograr melloras no Plan de prevención de incendios na comarca nacía o proxecto veciñal ‘Salvemos Valdeorras’ cun obxectivo claro: “recoller o maior número posible de sinaturas para solicitar aos Concellos da comarca de Valdeorras e ás demais administración competentes, a adopción de medidas urxentes e efectivas en materia de prevención, emerxencia e recuperación do monte”.

Hoxe, as dúas iniciativas dábanse e man e aproveitando a gala, membros de “Terra en pé”, iniciativa apolítica para aportar, axudar e mellorar a comarca, acudían ao Teatro Lauro Olmo para seguir recollendo sinaturas. “Temos moitas pero hai que seguir movéndose”, aseguran.

 

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Back to top button