EconomíaEconomíaOpiniónÚltima hora

Texto do presidente do GDR Sil-Bibei-Navea sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade

 

A Ribeira Sacra será Patrimonio Mundial da Humanidade unha vez se xustifiquen algunhas cuestións, xa que quedou claro que esta paisaxe ten un valor excepcional destacando elementos clave como a adaptación milenaria das comunidades a un entorno fluvial escarpado, ou a paisaxe mediante o sistema de terrazas e microparcelas así como a forte tradición da cultura da auga e a infraestrutura hidráulica. Convén sinalar que o Comité de Patrimonio Mundial da UNESCO rexeitou o informe do órgano asesor.

Por iso ós dous grupos de desenvolvemento rural que temos superficie en Ribeira Sacra, ADERCOU e Sil-Bibei-Navea, nos chama a atención o posicionamento dunha entidade, a Fear (Federación de Asociacións de Ribeira Sacra) que di contar con máis de 50 asociacións federadas e pide un referendo. Non pretendemos xerar polémica só aclarar a cidadanía algunhas cousas.

O noso entender é imprescindible deixar claro que quen ten máis representatividade medida en votos son os alcaldes dos concellos elixidos pola veciñanza. Os GDRs, ademáis da representación dos concellos, ten moitas máis asociacións con alta representatividade tanto de mulleres rurais, como de veciños e veciñas, de mozos e mozas, de gandeiros e gandeiras, de Voluntarios e voluntarias de Protección civil e mesmo de empresarios, de propietarios de soutos, algunha con más de 140 socios e socias, do Consello Regulador da D.O. polo que o seu abano de representatividade é moito maior e ditos GDRs están claramente posicionados a favor da candidatura.

Contrapor a mellora de infraestruturas, ou de mais servizos para a veciñanza coa declaración de Patrimonio Mundial, dicindo mesmo que somos patrimonio mundial do xabaril, resulta incomprensíbel., xa que as distintas administracións deben facer as inversións necesarias para manter a paisaxe e o territorio unha vez declarado Patrimonio Mundial da Humanidade.

En canto o tema da posible invasión turística debemos aclarar que onde se desenvolveu o turismo nesta zona de xeito sostible abríronse establecemento hoteleiros e hostaleiros e creouse emprego e polo tanto riqueza chegando mesmo a asentarse no territorio traballadores e traballadoras dedicados a este sector. Polo tanto o turismo é compatible necesariamente coa sostibilidade do territorio, e se non o facemos así non haberá turismo nin territorio. O funcionamento de buses lanzadeira, a limitación de construcións e rehabilitacións con finalidade turística nalgúns concellos é un exemplo do que estamos a dicir. Non queremos ser unha especie de “reserva” para ser visitada por unhas poucas persoas que máis que vernos como algo totalmente implicados no mantemento do territorio nos vexan como unha especie en extinción.

Queremos animar á candidatura a perfeccionar esas cuestións técnicas en estreita colaboración cos técnicos que enviará a UNESCO para acadar este obxectivo longamente desexado, tendo todo o noso apoio o que será indiscutiblemente unha mellora para as persoas que vivimos no territorio que somos os que coidamos do mesmo.

Texto: Paco Magide, Presidente do GDR Sil-Bibei-Navea, co consentimento do Presidente do GDR ADERCOU.

Back to top button