CulturaCulturaEntroido 2025Última hora

Toén investiga o pasado e o presente do seu Entroido

A Asociación Cultural Entroido de Mugares organizaba este Domingo Corredoiro a conferencia “O ciclo do Entroido na nosa contorna”

 

A Asociación Cultural Entroido de Mugares organizaba este Domingo Corredoiro a conferencia “O ciclo do Entroido na nosa contorna”, un evento con carácter anual que xurde co fin de “saber máis tanto das tradicións presentes como das xa desaparecidas dos entroidos do concello e doutras zonas limítrofes”.

Cun Centro de Interpretación renovado e cheo de veciños, o acto comezaba coa presentación de Rocío García, vicepresidenta da Asociación, quen facía fincapé na estreita colaboración co primeiro ponente, David Sabucedo de Amigos do Patrimonio de Toén, cos que están a levar a cabo un traballo de investigación do Entroido de Mugares, que sigue medrando logo da súa recuperación fai máis de vinte anos.

Sabucedo realizaba unha exposición sobre os primeiros resultados do seu traballo, amosando as tradicións entroideiras perdidas nas parroquias de Moreiras e Toén citando fontes como o mesmo Vicente Risco, cousa que fala da importancia na época destas festas. Trataba tamén grandes descubertas feitas sobre o ciclo do entroido de Mugares, grazas ás entrevistas que lle están a facer a veciñas e veciños que nalgúns casos rondan os cen anos, “grazas a esas entrevistas descubriuse que o ciclo comezaba xa no fareleiro, donde se lanzaban farelos mezclados con cinsa, para seguir despois no corredoiro, co xogo do galo tal e como recollía Florentino López Cuevillas no 1957” comentaba Sabucedo.

 

 

A continuación interviña outro membro da Asociación do Entroido de Mugares, Antonio de Melo, que fixo un percorrido pola importancia da música nestas festas tradicionais, e que desvelou un dos grandes descubrimentos deste ano, “soubemos da Marcha dos Mazarucos grazas a Ángel, un veciño noso de 94 anos, que mesmo nola tarareou, cousa que me fixo saltar un recordo na memoria de tela tocado coa banda de Alongos facía moitos anos” contaba De Melo emocionado.

O último en tomar a palabra era o representante do Entroido convidado, Antonio Sousa, da Asociación As Bonitas de Sande, que presentaba ao público asistente este entroido tradicional do veciño concello de Cartelle, donde as Bonitas, as Avutardas, o Oso e a Vaca son absolutos protagonistas. Fixo un percorrido polos orixes da festa e do traballo de recuperación levado a cabo nos últimos anos que están a converter a Sande nun dos entroidos máis coñecidos da zona.

A xornada remataba coa degustación dun viño da terra, convidando a todas as persoas alí presentes á celebración do Domingo de Comedias o 2 de marzo, día de festa recuperado neste mesmo ano pola Asocianción Cultural Entroido de Mugares.

Fotos cedidas pola Asociación Cultural Entroido de Mugares.

Back to top button