
Os novos edís do grupo do Partido Popular de Verín veñen de tomar posesión na sesion plenaria celebrada esta mañá. Trátase de Bernardo Rodríguez, Tamara Velázquez, Benito Quiñones e Tino Cid. Bernardo Rodríguez (2002), co grao de Dereito, Ciencia Política e Administración Pública e cun negocio propio no sector inmobiliario, en breves comezará un Máster de Acceso á Avogacía e Asesoría Fiscal. No eido político, iniciou a súa andadura política no 2023 cando se incorporou as listas do PP verinés para eses comicios, sendo unha das incorporacións máis mozas nas filas dos populares. Membro de Novas Xeracións, ten claro que centrará o seu traballo nesta nova etapa “nas necesidades que ten a xente de aquí, coma os mozos ou autónomos, que son os que están a construír o Verín do futuro”.
Tamara Velázquez (1981), actualmente operaria de envasado, leva case 25 anos formando parte da gran familia popular. Comezou a súa andadura en Novas Xeracións e formando parte do comité rexional, ocupando o cargo de secretaria de Vivenda e Novas Tecnoloxías. Tras incorporarse as listas do PP verinés para as eleccións municipais de 2023, Velázquez asume este reto co “obxectivo de facer unha oposición responsable e traballar por mellorar o municipio”.
Benito Quiñones (1974), enfermeiro, leva vinculado as filas do Partido Popular gran parte da súa vida. “Nun primeiro momento nas candidaturas en Viana e na Mezquita, e agora en Verín, debido a miña vocación de servizo público”
E finalmente, Tino Cid (1981), autónomo no sector da madeira, comezou a súa andadura na familia popular no 2023 co obxectivo de “poder aportar a Verín e a súa xente”, e que agora así fará coa intención de “sumar e axudar a resolver os problemas da veciñanza”.
Coa toma de posesión destes novos/as concelleiros ábrese unha nova etapa do Partido Popular no municipio de Verín. “Ilusionante e cun forte compromiso coa localidade e a súa veciñanza, na que os novos edís teñen moitas ganas de comezar a traballar por e para Verín, e aportar a súa experiencia para mellorar a calidade de vida da cidadanía”.
Fotos cedidas.
