ConcellosTrivesÚltima hora

Tomas de posesión de dous novos edís, un socialista e outro do PP, no pleno de Trives deste xoves

Tamén se aprobará a renuncia, por motivos de saúde e acordada co grupo de goberno, de Miguel Sierra, dando paso a un segundo novo edil

Imaxe dunha sesión plenaria en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cambios no grupo de goberno socialista no Concello da Pobra de Trives, que preside Patricia Domínguez, pola incorporación de dous novos concelleiros que substituirán a Aarón Álvarez e a  Miguel Sierra Fernández, que vén de presentar a súa renuncia “por razóns de saúde, tal e como explica na súa carta de renuncia, deixa a acta de concelleiro que ocupou por primeira vez no ano 2019”, segundo informa dende o Concello.

O primeiro destes cambios materializarase xa no pleno ordinario desta semana, no que tomará posesión como concelleiro do Grupo Socialista Francisco Javier Rodríguez Gómez, substituíndo a Aarón Álvarez Corrales. Ademais, nun próximo pleno incorporase un segundo concelleiro para ocupar a cadeira de Miguel Sierra.

“Esta decisión foi acordada co resto do grupo de goberno, especialmente coa alcaldesa, sen que supoña un afastamento do proxecto nin do compromiso coa Pobra de Trives. Na citada misiva, el mesmo afirma que seguirá colaborando e apoiando ao actual goberno municipal desde fóra da Corporación, na medida das súas posibilidades, porque -afirma- segue compartindo plenamente os seus obxectivos e a súa forma de entender o servizo público”, segundo se indica dende o equipo de goberno trivés.

No pleno deste xoves tamén tomará posesión da súa acta Simón Rodríguez Domínguez, no seu caso para substituír a quen fora candidato do PP á Alcaldía de Trives nas últimas eleccións municipais, Roberto González Castro.

A sesión plenaria contempla tamén outros asuntos. Entre eles aprobarase a adhesión ao acordo marco para a subministración de electricidade e a prol do aforro enerxético subscrito entre ADERCOU e UTE SIMPLES & SAPIENS.

Tamén se dará conta da doazón ao Museo da Escola e da Infancia Santa Leonor dunha colección de figuras de cartón e teas, entre as que se inclúe unha reprodución das Meninas e que pasarán a formar parte dos fondos deste espazo cultural de referencia.

A orde do día inclúe igualmente o nomeamento de Cristina Paz Elías como representante da Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei, en substitución de Aarón Álvarez Corrales, así como a aprobación das actas anteriores, a dación de conta das resolucións da Alcaldía e a quenda de rogos e preguntas.

 

Back to top button