ConcellosQuirogaÚltima hora

Traballos de acondicionamento no conxunto militar do Castelo dos Novais (Quiroga)

Foto: Concello de Quiroga.

 

O Concello de Quiroga está levando a cabo o acondicionamento do Castelo dos Novais contando cunha axuda de 30.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia. As obras que se están realizando e que foi visitar nesta semana o rexedor local, José Luis Rivera, son rozas e limpeza do terreo no entorno e dentro do inmoble.

A continuación comezarase coa colocación dunha varanda de madeira na rampla de acceso ao castelo, coa finalidade de mellorar as condicións de seguridade e uso; a reconstrución do muro de mampostería de lousa que cedeu parcialmente na zona norte; e a instalación de postes de madeira para a sinalización do acceso. Tamén se substituirán as balizas exteriores e os proxectores de iluminación deteriorados, tal e como informa o Concello de Quiroga.

Esta edificación de titularidade municipal, non volveu ser obxecto dun proxecto de acondicionamento dende o ano 2003, cando se adaptaron os accesos, creando sendeiros escalonados e varandas de madeira, consolidáronse as ruínas, realizáronse tarefas de limpeza e melloráronse as instalacións de alumeado.

O conxunto militar do Castelo dos Novais encóntrase catalogado como ben arquitectónico cun nivel de protección integral e constitúe un Ben de Interese cultural (BIC); polo que soamente están permitidas obras de conservación, restauración e consolidación, seguindo unha regulación específica e baixo supervisión.

Back to top button