Gran acollida no showcooking que se celebraba neste mediodía de 21 de decembro no marco do XV Mercado de Nadal do Barco. Unha trintena de persoas participaba nesta proposta dirixida pola valdeorresa Noelia Fernández Rey, xefa de cociña de La Tasquería de Javi Estévez, restaurante madrileño que conta con 1 estrela Michelin e no que leva dez anos desenvolvendo a súa profesión. Dirxía este showcooking xunto a outros dous compañeiros: a maitres do restaurante, Ana Moy, e o chef Adrián Collantes e propietario da barra de La Tasquería.
Entre os tres ideaban para a ocasión tres propostas partindo da tradición gastronómica local propia destas datas, pero cun toque innovador, e apoiándose en produtos valdeorreses e galegos de calidade. Así a demostración comezaba cun Panipuris recheo de bacallau cun cremoso de coliflor e cunhas esferificacións de aceite de allada. Noelia Fernández detallaba, paso a paso a elaboración do prato, ademais de explicar o motivo da escolla do mesmo e dos seus ingredientes. “Nas ceas do Nadal nesta zona era moi tradicional poñer bacallau con coliflor e allada, por iso decidimos partir desa idea para elaborar este snack, que é un entrante”.
Despois da elaboración, tiña lugar unha degustación deste Panipuris entre os asistentes, que se acompañaba dun dos primeiros viños cos que se maridaban as elaboracións: un Luar do Sil godello do 2024. Tal e como indicaba a enóloga vilamartinesa Cecilia Fernández, que se encargaba de explicar a maridaxe.
A partir de aí, comezaba a elaboración da segunda proposta que tiña como produto principal: o cabrito. “Sempre está presentes nas celebracións de todo tipo en Valdeorras e, normalmente asado. Así que escollimos o cabrito, pero traballando en La Tasquería non íamos coller unha pata, a paletilla ou as costelas, senón que escollemos o pescozo. E imos quitarlle os osos e facer un rulo, prensámolo e ímolo a acompañar cun cremoso que elaboramos de castañas e pataca galega, que non poden faltar. E isto irá cunha escarola e con granada, cunha ensalada de inverno e para darlle un toque diferente, a algo que non estamos acostumados, levará un aliño de iogur”.

Despois tamén se degustaba este prato maridado cun viño tinto e, finalmente, dábase paso á derradeira proposta: unha sobremesa tamén moi especial, que na se aliaban o viño, en concreto o mencía, e os queixos galegos. Así, por unha banda, había unha mousse de queixo azul Savel de Chantada, logo unha escuma de queixo de Arzúa e, finalmente, un cremoso xelificado de queixo San Simón. Tres suxerencias culinarias que irán acompañadas dun biscoito de mencía de Valdeorras. Xa, como broche, servíanse froitos secos, uns conchos ou unhas noces garrapiñadas.

Os participaban dispoñían tamén das receitas detalladas das elaboracións destes tres pratos, que se lle entregaban en papel.
Este é xa o segundo showcooking que Noelia Fernández imparte na súa vila natal, tras o realizado, tamén con éxito, en setembro de 2022 no marco da Feira de Produtos Artesanais do Eixo Atlántico do Barco.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
