
O pasado 14 de xuño unha chamada telefónica no Centro Operativo de Tráfico (COTA) da Garda Civil alertaba dun sinistro viario na estrada N-525 á altura do termo municipal da Gudiña, indicando que un vehículo marca Mercedes saírase da vía.
Tal como indican dende a Garda Civil “á chegada da patrulla do Destacamento de Tráfico de Verín, os axentes comprobaron que no vehículo viaxaba a condutora e o seu fillo menor de idade. Auxiliada e identificada, a condutora presentou un permiso de conducir portugués aparentemente veraz. Ante as sospeitas infundidas tras comprobar en detalle o permiso de conducir presentado, decidiron comprobar a vixencia do devandito permiso coas autoridades do país veciño, confirmándose deste xeito que non tiña carné en vigor en Portugal e que o permiso que presentara era falso”, explican.
Como consecuencia diso, facíase cargo da investigación o Grupo de Investigación e Análise de Tráfico (GIAT) do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, procedendo á “detención da condutora, instrución das pertinentes dilixencias e posterior entrega no Xulgado de Guardia de Verín, polos supostos delitos de falsidade documental e condución un vehículo de motor carecendo de permiso de conducir”.
O delito de falsidade documental pode carrexar unhas penas de prisión de 6 meses a 3 anos e multa de 6 a 12 meses. Pola súa banda, o de condución carecendo de permiso, pode conlevar penas de 3 a 6 meses de prisión, multa de 12 a 24 meses ou traballos en beneficio da comunidad de 31 a 90 días.
