
Tras a devastación que o lume deixaba ao seu paso polo municipio de Rubiá, onde chegaba o domingo 17 de agosto, o seu Concello vén de emitir un comunicado, explicando o vivido e agradecendo a resposta social para facer fronte ao incendio. “Todos somos conscientes de que nestes últimos días, no concello de Rubiá vivimos momentos duros. Os incendios deixaron os nosos montes arrasados, ver o cambio da nosa paisaxe e o noso redor produce auténtica mágoa. Tocounos vivir días de incerteza, medo, moito traballo e pouco descanso, pero tamén foron días nos que vimos o mellor da nosa xente”.
Neste comunicado o Concello de Rubiá agradece “de corazón a todos os que estivestes ao noso lado: UME, bombeiros, corpos de seguridade e a todos os voluntarian, e voluntarias. Veciños e veciñas que non dubidaron en axudar con todos os medios dos que dispoñían, a nosa incrible mocidade que se organizou dende o primeiro instante, que non pararon ata ter certeza de que a nosa xente e os nosos pobos encontrábanse seguros, foi unha marea de solidariedade que chegou dende dentro e fóra do noso concello. Sen vos isto sería moito mais duro”.
Agradece así mesmo o Concello o apoio “a todas esas persoas e negocios que fixeron todo o posible para que non faltara comida, bebida e cariño. O conxunto de todo iso deu as forzas que necesitabamos. Estes agradecementos son curtos para todos e todas. Hoxe temos dor, pero tamén orgullo. Agora tócanos seguir, reconstruír e coidar o que temos”.
Neste mércores 20 de agosto, o municipio de Rubiá está en calma “non hai ningún foco nestes momentos e practicamente ningún perigo de reprodución”, comenta o alcalde, Elías Rodríguez, tras falar cos reténs que aínda seguen vixiando. Agora o Concello está facendo balance do danos e de ata onde chegaron. “Vemos que no noso concello todo o que hai entre Oval, Rubiá e o Robledo e Oulego, todo iso está ardido. Mirando dende a estrada N-120, a man esquerda, todo para arriba está todo queimado, afectando ás captacións de Oval, Rubiá, Porto, Real, Robledo, Oulego… Pero aínda estamos valorando”, di o rexedor.
E, malia que o lume chegou practicamente á porta das casas en lugares como Rubiá “e foi unha loita casa por casa e porta por porta”, afortunadamente non se viu afectada ningunha vivenda habitual, pero si pequenas edificacións como algún galpón.
Conta o alcalde que cando o lume chegou a Rubiá practicamente non había ningún medio e foi a resposta veciñal a que permitiu frear o lume. “Todo o conxunto de veciños de Rubiá e Oval, o domingo dende a mañá á tarde, xa todos presentíamos o que viña enriba, e xa se empezou a reunir xente, a organizarse eles mesmos. Despois houbo un movemento de xente de fóra, de rapaces novos, aos que temos que agradecerlle inmensamente porque víanse cun espírito incrible, é que che levantaban o ánimo a ti, porque vendo o que viña… eles ofrecíanse para todo”. O mesmo acontecía en Oulego, onde os veciños sairon eles como puideron pelexaron eles sós e conseguiron salvar o pobo”, engade o rexedor.
Pero, xa “no entorno de Porto Real Robledo houbo un despregue bestial da UME, saimos de Rubiá e Oval que non había nada, e cando chegamos alí xa era noite e pola estrada había moitos vehículos cochebombas… e grazas ao seu traballo, o lume, que entrou cunha forza descomunal polo Real, controlouse”, conclúe o alcalde.