
Na tarde do venres 20 de febreiro un home resultaba ferido ao caer cando estaba traballando no seu propio domicilio, despois de que o chan cedese, tal como indican dende o 112 Galicia que tiña constancia do suceso arredor das 17:45 horas. “En principio, desde o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informouse de que unha casa podería terse derrubado e que podería haber persoas atrapadas no seu interior”, indican.
Con esta información, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia activaban o dispositivo de emerxencias, avisando ao GES de Castro Caldelas e de Quiroga, aos Bombeiros de Valdeorras, aos axentes da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil. “Ademais, o persoal sanitario mobilizou un helicóptero medicalizado con base en Ourense para desprazarse ao lugar”, engaden.
Unha vez no lugar, “os equipos de emerxencia confirmaron que a persoa xa estaba fóra da vivenda e atendida polo persoal sanitario, polo que non foi necesaria a intervención dos bombeiros”, explican dende o 112, asegurando que, posteriormente, “o ferido foi trasladado en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”.
As primeiras valoracións apuntan a que “o accidente non se debeu a un derrube, senón a que o chan cedeu mentres o home realizaba traballos no interior da vivenda”, indican dende o 112.