ConcellosÚltima hora

Tres brigadistas feridos en Oímbra mentres que o Pesca II interveu na evacuación dunha persoa en Montederramo

Incendio en Oímbra./ Cedida.

 

No día de hoxe, arredor das 17:00 horas, no 112 Galicia tívose constancia de tres brigadistas municipais que sufriron queimaduras no incendio forestal que está a afectar ao concello de Oímbra. “Os membros de Protección Civil de Verín encargáronse de evacuar aos afectados. Posteriormente, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 indicou que mobilizaría os helicópteros medicalizados para trasladar a dous deles ata o hospital da Coruña, aínda que finalmente un foi evacuado por terra a bordo dunha ambulancia e o outro no helicóptero con base en Santiago”, segundo relata o 112 Galicia.

Por outra banda, un cuarto de hora antes das 17:00, produciuse un accidente de tráfico entre unha motobomba e un coche nunha pista forestal na parroquia de Covas, en Montederramo. “Houbo un ferido como resultado da colisión, o cal precisaba ser trasladado inmobilizado. Con isto e atopándose nunha zona de difícil acceso, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Gardacostas de Galicia para empregar o Pesca II na evacuación, pois á mesma hora íanse empregar os dous helicópteros das urxencias sanitarias no traslado dos brigadistas feridos”, seguindo os datos do 112 Galicia.

Ademais, neste operativo tamén participaron as urxencias sanitarias, que acudiron ata o punto para atender ao ferido, e a Garda Civil de Tráfico.

Con isto, dende o 112 Galicia recalcan a importancia “de seguir as indicacións das autoridades e evitar os desprazamentos innecesarios en zonas afectadas ou próximas aos incendios forestais”.

Back to top button