Aparatoso accidente con tres vehículos implicados e tres persoas feridas, o que se producía na tarde deste venres 10 de xullo na OU-533 ao seu paso pola localidade bolesa de Santa Cruz.
O choque múltiple, tal como informan dende o 112 Galicia, producíase pouco antes das 13:30 horas no Km 37 da estrada OU-533, onde impactaba dous turismos e unha ambulancia. “O primeiro aviso chegaba a través do e-call dun dos vehículos implicados”, explican, indicando que intentaron contactar cun dos ocupantes e “informaba de que sufrira unha colisión con outro vehículo, asegurando que non estaba atrapado nin ferido pero descoñecía o estado dos ocupantes do outro vehículo”.
Con esta información dende o 112 avisaban a Urxencias Sanitarias, bombeiros do parque comarcal de Valdeorras, GES da Veiga, Protección Civil do Bolo e Garda Civil de Tráfico. “Unha vez no punto confirmábase que eran tres os vehículos implicados”, din dende o 112, asegurando que “todos os ocupantes dos vehículos saíron polos seus propios medios”, o GES da Veiga procedía a limpar a vía, o tráfico está restablecido e o personal sanitario “confirmou o traslado de tres persoas feridas”.
Fotos cedidas.
