
Entre os viños galardoados no Concours Mondial de Bruxelles na súa edición de 2025 figuran tres godellos da Denominación de Orixe Valdeorras. Os tres eran distinguidos cunha medalla de prata neste prestixioso certame internacional.
Son os seguintes: Fardelas branco 2024 (Adega Santa Marta), A Coroa 2024 (A Coroa) e Ruchel branco 2024 (Adegas Ruchel).
O Concours Mondial de Bruxelles, creado en 1994, é unha referencia nos concursos internacionais de viños. Desde 2006 viaxou a numerosas cidades como Lisboa, Bordeus, Valladolid, Valencia, Luxemburgo, Guimaraes, Bratistlava, Aigle, Pequín, Porec, Guanajuato e Brno.
Durante a competición abríronse máis de 10.000 botellas de todo o mundo en tres días. Os viños premiados son seleccionados con integridade por profesionais pola súa calidade, expresión e equilibrio. Este ano, 375 catadores de renome, de 56 nacionalidades diferentes, estiveron presentes en Yinchuan, na rexión de Ningxia (China), para participar nas catas a cegas, con 7.165 viños procedentes de 49 nacionalidades.