DeportesMontañismoÚltima hora

Tres mozos buscan darlle visibilidade á Ribeira Sacra a nivel mundial a través do alpinismo

Prepáranse para ascender en xullo o Huascarán, con 6.768 m, un dos cumios máis emblemáticos dos Andes

 

O equipo de alpinistas 3CUMIOS, formado por Manuel Vieitez (Sober), Tomás Porto (Pantón) e José Manuel Prieto (Monforte), prepárase para emprender no mes de xullo una das aventuras máis desafiantes das súas vidas: a ascensión ao Huascarán, a montaña tropical máis alta do planeta e unha dos cumes máis emblemáticos dos Andess. Situada na Cordilleira Branca en Perú, cunha altitude de 6.768 metros, este coloso non só representa un reto físico e mental, senón tamén unha oportunidade única para proxectar e promocionar a Ribeira Sacra nun escenario internacional.

Para facer realidade este proxecto, o equipo de alpinistas conta coa colaboración do Concello de Sober, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo a través da Vicepresidencia. Agora que a iniciativa é xa unha realidade traballan para solicitar o maior apoio institucional posible.

Orixinarios desta máxica rexión galega, os membros de 3CUMIOS teñen como un dos seus obxectivos principais levar o nome da Ribeira Sacra todo o máis alto, tanto literal como metaforicamente. A través desta expedición, buscan dar a coñecer a beleza, a cultura e o espírito de superación que caracterizan a esta terra, converténdoa nun símbolo de inspiración a nivel global.

A expedición, programada para 2025, forma parte do Proxecto 3 Cumes, unha iniciativa que busca conquistar tres montañas icónicas en tres continentes diferentes. O Huascarán será a primeira parada deste ambicioso proxecto, que combina a paixón polo alpinismo cun profundo respecto polas comunidades locais e o medio ambiente.

 

 

Un desafío extremo na Cordilleira Branca

O Huascarán, situado na Cordilleira Branca de Perú, é a montaña tropical máis alta do planeta e un dos picos máis desafiantes do mundo. A súa ascensión require unha preparación física e mental excepcional, así como unha loxística impecable. O equipo de 3CUMIOS planea completar a expedición en aproximadamente 20 días, establecendo varios campos de altura para adaptarse ás condicións extremas, que inclúen unha porcentaxe de osíxeno do 43%, temperaturas de ata -25°C, gretas ocultas no glaciar e pasos técnicos de escalada en xeo ao longo do roteiro.

Máis que unha fazaña deportiva: “un compromiso coas comunidades locais e a Ribeira Sacra”

A expedición non só busca alcanzar a cima, senón tamén deixar unha pegada positiva nas comunidades que custodian estas montañas sacras e, ao mesmo tempo, proxectar a Ribeira Sacra no ámbito internacional. Por iso, 3CUMIOS decidiu destinar o 10% das achegas recadadas a colaborar coas comunidades locais, proporcionando material deportivo que promova o acceso ao deporte como ferramenta de crecemento e superación.

“Queremos que esta expedición sexa unha ponte entre culturas, un exemplo de superación e unha oportunidade para inspirar a outros a soñar en grande”, afirma o equipo. “Pero tamén é unha forma de levar o nome da Ribeira Sacra todo o máis alto, mostrando ao mundo a riqueza natural e cultural da nosa terra”.

 

 

Sobre 3CUMIOS

3CUMIOS é un equipo de alpinistas cunha ampla traxectoria nalgunhas das montañas máis emblemáticas do mundo, como os Alpes, os Pireneos, a Patagonia e os remotos cumes de Mauritania. Unidos por unha paixón irrenunciable polo alpinismo, José Manuel Prieto, Tomás Porto e Manuel Vieitez buscan superar os seus límites persoais mentres promoven valores universais como a perseveranza, o traballo en equipo e o respecto pola natureza.

Fotos cedidas por 3CUMIOS

 

Artigos relacionados

Back to top button