
Con tres podios se facía o Club Adas Cupa do Barco (do que tamén forman parte atletas das Escolas Deportivas de Trives) no campionato galego de clubs que se desenvolvía ao longo da tarde deste 24 de outubro nas pistas de atletismo Luis Nogueira, en Calabagueiros. O club local proclamábase campión en Sub10, tanto en categoría masculina (con 25 puntos, superando só por 1 segundo clasificado) como na feminina (con 30 puntos).

En categoría masculina o segundo posto era o Sanysec-Ourense Atletismo (24 puntos) eo terceiro para o Atletismo Piringalla (17 puntos); mentres que na feminina o subcampionato correspondíalle ao Club Alancar Atletismo (25 puntos) o terceiro lugar ao Atletismo Piringalla (15 puntos).
Ademais o Adas Cupa lograba o subcampionato no galego de clubs Sub12 en categoría feminina con 58 puntos. Así en Sub12 masculina impoñíase a S.G. Pontevedra (40 puntos), seguida do Club Atletismo Narón (39) e, xa en terceiro lugar quedaba o Sanysec-Ourense Atletismo (36). E en feminina o título era tamén para a S.G. Pontevedra (62,5) , mentres o Sanysec-Ourense Atletismo (57,5) quedaba terceiro.
Fotos cedidas.
