
O Concello da Veiga fai balance dos resultados turísticos deste verán. Así, asegura que “o destino Trevinca-A Veiga pecha un verán marcado polo incremento da afluencia turística, a maior presenza de visitantes procedentes de fóra de Galicia e o impacto de dous novos elementos de atracción: a eclipse total de Sol do 12 de agosto e a Bandeira Azul concedida por primeira vez á praia fluvial de Os Franceses, única praia da provincia de Ourense en recibir este distintivo en 2026”.
As impresións entre diferentes negocios e servizos turísticos do municipio coinciden, segundo o Concello, en sinalar unha evolución moi positiva da actividade durante os meses de xullo e agosto. “A evolución deste verán debe contextualizarse respecto ao ano pasado, cando os incendios forestais afectaron de maneira significativa á actividade turística durante a segunda metade de agosto e setembro”.
A eclipse total de Sol do 12 de agosto constituíu un acontecemento excepcional para o municipio, ao estar A Veiga situada dentro da franxa de totalidade. O fenómeno xerou interese durante os meses previos e atraeu visitantes que escolleron expresamente o territorio para realizar a súa observación.
Desde o Centro Astronómico de Trevinca, o seu director, Óscar Blanco, sinala que a demanda das actividades astronómicas foi elevada, como é habitual durante o verán, especialmente durante a primeira quincena de agosto e a segunda metade de xullo.
O impacto tamén foi perceptible na Oficina de Turismo, desde onde se atenderon centos de consultas relacionadas coa observación do eclipse, tanto de visitantes que escolleron A Veiga como destino para ese día como de residentes e persoas que pasan o verán no municipio.
O Concello destaca un maior número de visitantes de fóra de Galicia e a suba do turismo internacional
A procedencia dos visitantes constitúe outro dos elementos destacados polos negocios consultados. Segundo Óscar Blanco, durante o verán “nótase unha maior procedencia de xente de fóra de Galicia principalmente”, cunha presenza especialmente significativa de persoas procedentes do País Vasco, Madrid e Cataluña, ademais de Asturias.
No caso do Centro Astronómico, Blanco estima que durante o verán a porcentaxe de visitantes procedentes de fóra de Galicia se achega ao 40-50 %, fronte a unha proporción moito menor durante o resto do ano.
O incremento, segundo o Concello da Veiga, tamén se percibiu nos establecementos de aloxamento e restauración.
A Bandeira Azul impulsa a praia de Os Franceses e programación cultural
A Bandeira Azul de Os Franceses era outro dos grandes elementos diferenciadores do verán. A praia fluvial recibiu este ano por primeira vez este distintivo, converténdose na primeira e única praia da provincia de Ourense en conseguilo.
Durante todo o verán, a oferta das praias fluviais completouse cunha programación de actividades de ocio no seu entorno, destinada tanto aos visitantes como á poboación local.
A actividade turística viuse acompañada, ademais, por unha programación cultural municipal que incluíu concertos, espectáculos circenses, cine na rúa e outras propostas de ocio. Segundo as declaracións recollidas, estas actividades funcionaron fundamentalmente como complemento da oferta turística, cultural e natural do municipio.

Trevinca-A Veiga, tamén destino para o outono
Co remate da tempada estival, o Concello pon agora o foco na tempada de outono, unha época na que o territorio de Trevinca-A Veiga ofrece novas posibilidades para o turismo de natureza e montaña. O descenso das temperaturas e a transformación da paisaxe permiten gozar de actividades como o sendeirismo, a BTT e outras propostas vinculadas á montaña, así como da recollida de cogomelos. O outono é tamén unha época especialmente axeitada para a observación da fauna, coa berrea como un dos fenómenos naturais máis destacados.
A oferta complétase ca anual feira agrogandeira Crianza Trevinca e co astroturismo. A certificación Starlight e as condicións de baixa contaminación lumínica do territorio permiten continuar realizando observacións astronómicas ao longo do ano, con planetas como Saturno entre os obxectos visibles no ceo nocturno desta época.
O balance recollido polo Concello durante este verán reforza así o posicionamento de Trevinca-A Veiga como un destino de natureza, montaña, tranquilidade e astroturismo, cunha oferta vinculada aos recursos propios do territorio e con capacidade para atraer visitantes en diferentes épocas do ano.
A tempada estival deixa, neste sentido, unha maior visibilidade do destino e novos visitantes que, segundo os negocios consultados, descubriron A Veiga por primeira vez e manifestaron a súa intención de regresar noutras épocas do ano.
Fotos cedidas polo Concello da Veiga.