
O Centro Astronómico de Trevinca, situado no concello da Veiga, acollía este domingo as xornadas “Galicia, porta de entrada da eclipse. Xornadas de divulgación nos destinos Starlight”, unha iniciativa organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Deputación de Ourense e o Concello da Veiga para abordar os retos e oportunidades vinculados á eclipse solar total do 12 de agosto de 2026.
A cita reunía en Trevinca representantes institucionais, profesionais do sector turístico, expertos en astronomía e seguridade viaria, así como empresarios locais, poboación da comarca, fotógrafos, medios de comunicación, visitantes e efectivos da Garda Civil e do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) da Veiga.
A presentación institucional contou coa participación de Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia; Cecilio Santalices, xefe da área provincial de Turismo de Ourense; Emma González, xerente do Inorde; Juan Anta, alcalde da Veiga; e Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia.
A xornada comezou cunha breve benvida a cargo de Óscar Blanco, director do Centro Astronómico de Trevinca, á que seguiron dúas charlas divulgativas. Na primeira delas, Begoña Estévez e Antonio Pazos, de Corvus Maris, abordaron a astronomía da eclipse e a importancia dunha observación segura, incidindo especialmente na necesidade de protexer a vista e ofrecendo recomendacións para vivir o fenómeno con nenos e nenas. Posteriormente, o divulgador e fotógrafo Fernando Rey explicou nocións básicas de astrofotografía e as claves para fotografar a eclipse.
Un dos momentos centrais da programación foi a mesa redonda “Implicacións territoriais da eclipse”, moderada por Óscar Blanco e na que participaron tamén Eduardo Martín, xerente da casa rural Eido das Estrelas; o astrofísico Borja Tosar; e Javier Barja, capitán-xefe do Subsector de Tráfico de Ourense.
Durante o debate analizáronse as implicacións do evento desde o punto de vista institucional, da promoción turística, da seguridade viaria e do tecido empresarial local. A principal conclusión, compartida por todos os participantes, foi que a eclipse total do 12 de agosto representa unha oportunidade única para promocionar Galicia e, especialmente, Trevinca e A Veiga como referentes do astroturismo.
Os participantes coincidiron tamén en sinalar a importancia da planificación ante a previsión dun importante desprazamento de visitantes cara ás zonas de totalidade, especialmente nas horas posteriores á eclipse. Neste sentido, destacouse a necesidade dunha adecuada organización do tráfico e dunha planificación previa por parte das persoas que desexen asistir ao fenómeno.

Óscar Blanco e Borja Tosar subliñaron o valor científico e divulgativo da eclipse, destacando que pode converterse nunha porta de entrada ao interese pola ciencia para moitas persoas, especialmente nenos e nenas. Ambos insistiron na importancia de comunicar á cidadanía por que se trata dun fenómeno astronómico excepcional e na necesidade de que as administracións faciliten información clara e accesible.
Pola súa banda, Emma González incidiu na importancia de acudir sempre a fontes oficiais para informarse tanto sobre o evento como sobre os métodos seguros de observación. Ademais, destacou que as primeiras imaxes da eclipse en Europa poderán captarse en Galicia grazas á posición xeográfica do territorio no extremo occidental do continente.
O alcalde da Veiga, Juan Anta, destacou as boas previsións de ocupación turística para esas datas, cunha estimación próxima ao 90 % das prazas de aloxamento xa cubertas para o 12 de agosto de 2026, así como a chegada de reservas procedentes de distintos países europeos.
Desde o sector turístico, Eduardo Martín explicou algunhas das estratexias que está a adoptar a hostalaría local para descentralizar a demanda concentrada no día da eclipse, apostando por estancias mínimas de tres noites e complementando a experiencia coa observación das perseidas e outras actividades astronómicas.
Cesáreo González Pardal defendeu a colaboración público-privada como elemento fundamental para garantir unha experiencia de calidade tanto para os visitantes como para a poboación local.

Así mesmo, desde o Concello da Veiga e o Subsector de Tráfico avanzouse que se habilitarán entre tres e catro puntos recomendados para a observación da eclipse, nos que haberá presenza de persoal de tráfico, Garda Civil ou GES para garantir a seguridade, ademais da posible presenza de monitores que poidan resolver dúbidas de última hora.
A programación completouse pola tarde cunha sesión práctica na que os expertos amosaron distintos instrumentos e métodos de observación solar, entre eles telescopios, prismáticos, cámaras e sistemas indirectos, así como os diferentes tipos de filtros homologados.
A actividade culminou cunha observación solar na que destacou o telescopio H-alfa do Centro Astronómico de Trevinca, unha ferramenta especificamente deseñada para a observación do Sol que permite visualizar manchas solares e protuberancias. Ademais, realizouse unha simulación práctica do que deberá facerse o día da eclipse, incidindo no uso correcto das lentes de observación solar e na revisión previa do seu estado.
A programación especial vinculada á eclipse continuará nos próximos meses na Veiga. A próxima cita será un obradoiro sobre a eclipse impartido por Óscar Blanco o sábado 16 de maio no Centro Astronómico de Trevinca.
Fotos cedidas.
