OurenseÚltima hora

Triángulo de Amor Bizarro, no cartel do OurFest que se celebrará o 19 de setembro en Expourense

 

Este sábado 19 de setembro, Expourense acollerá a quinta edición de OurFest cun cartel que reúne nun mesmo escenario a bandas que abriron novos camiños na música alternativa desde os anos oitenta e a outras que están a redefinir agora a experiencia do directo. The Jesus and Mary Chain, The Dream Syndicate, The Mystery Lights, Fat Dog, Triángulo de Amor Bizarro e Germán Salto protagonizarán unha xornada de seis concertos encadeados, sen solapamentos e dentro dun recinto cuberto.

Na cabeceira do cartel conviven dúas historias fundamentais construídas a ambos os dous lados do Atlántico. The Jesus and Mary Chain chegarán a Ourense catro décadas despois de publicar Psychocandy, o disco co que os irmáns Jim e William Reid converteron a distorsión, o feedback e as melodías do pop clásico nunha linguaxe propia. A súa influencia atravesa o noise pop, o shoegaze e boa parte do rock alternativo posterior,  mentres que Glasgow Eyes, o seu oitavo álbum, mantén aberto o presente creativo da banda. Xunto a eles,
The Dream Syndicate ofrecerán en Expourense a súa única actuación en España en 2026. Liderado por Steve Wynn, o grupo foi esencial na escena Paisley Underground de Los Ángeles e asinou discos como The Days of Wine and Roses e Medicine Show, iniciando unha historia que continúa hoxe coa mesma liberdade e tensión sobre o escenario.

Ese legado compartirá cartel co garaxe psicodélico de The Mystery Lights e coa irrupción de Fat Dog. Nados en California e asentados en Nova York, The Mystery Lights construíron ao redor da presenza imprevisible de Michael Brandon un directo que avanza case sen pausas, mesturando garage punk, psicodelia e espírito underground. As cancións de Purgatory, o seu traballo máis recente, engaden novos matices a unha das propostas máis magnéticas do xénero. Fat Dog, pola súa banda, protagonizarán a súa primeira actuación en Galicia despois de converterse nun dos directos máis comentados da nova escena británica. A banda do sur de Londres levará a Expourense a mestura de electropunk, rock, techno e cultura rave do seu debut, WOOF., ás portas da publicación de Cancel Me (I’m Tired), o seu segundo álbum, que verá a luz en outubro. Un espectáculo físico e desbordante que tende a borrar a distancia entre o concerto e a pista de baile.

 

 

A representación estatal completará o percorrido con dous xeitos moi diferentes de entender as guitarras e a canción. Triángulo de Amor Bizarro presentarán Mi Catedral, o seu sétimo disco e o primeiro como trío formado por Rodrigo Caamaño, Isa Cea e Rafa Mallo. Máis de vinte anos despois do seu nacemento, a banda galega continúa ampliando unha obra cun lugar propio dentro da música independente. Germán Salto abrirá a programación cun repertorio no que conviven o pop orquestral, o power pop e a tradición americana, nunha etapa marcada por Ojo de bife, o seu cuarto álbum e o segundo gravado integramente en castelán. Durante os cambios entre concertos, Albert Petit DJ manterá a continuidade musical con sesións que combinarán a súa habitual selección de música negra con punk, punk rock, power pop e outros sons de guitarras.

As portas de Expourense abriranse ás 17 horas e o primeiro concerto comezará ás 17:30 horas. O formato dunha única xornada e un único escenario permitirá que todo o público comparta a programación completa, sen ter que escoller entre actuacións. Desde a apertura ata ben entrada a madrugada, o cartel avanzará desde a canción e as guitarras cara á psicodelia, a distorsión e a electrónica máis física.

As entradas continúan dispoñibles a través de ourfest.gal e ataquilla.com, a un prezo de 40 € máis gastos de xestión.

Back to top button