
O Concello da Pobra de Trives quere expresar o seu profundo agradecemento pola ola de solidariedade recibida nestes días tan difíciles, cando a situación provocada polos incendios puxo en risco o abastecemento de auga.
Tal como indican dende a administración local, a iniciativa “partiu de Amalia Pavel e da súa parella, Álvaro de Prado, veciño de Trives residente en Madrid, quen decidiron promover unha mobilización solidaria entre os seus veciños do barrio de Campamento-Aluche (Madrid) para axudar á súa terra natal. A resposta foi masiva: a veciñanza organizouse para recoller doazóns de auga embotellada e facer posible o envío”.

O transporte realizouse grazas á colaboración de Carrefour, que puxo a disposición os seus centros para a loxística. A auga chegou primeiro a Carrefour Ourense, onde os traballadores colaboraron activamente na carga do material nun camión da VII Brigada de Infantería Lixeira “Galicia” (BRILAT), unidade do Exército de Terra que fixo posible o traslado ata Trives.
Unha vez en Trives, o cargamento foi descargado coa axuda conxunta de membros da BRILAT, traballadores municipais e dun veciño, Servando, que tamén se sumou á causa. A auga quedou gardada nunha nave municipal e, tras avaliar a situación actual, o Concello decidiu (de acordo cos doadores) enviar a maior parte do cargamento a Vilamartín de Valdeorras, onde a subministración continúa nunha situación crítica. Unha pequena parte da doazón permanecerá en Trives, por se fose necesario cubrir necesidades puntuais no municipio.

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, agradece “de corazón a Amalia, Álvaro, aos veciños e veciñas de Aluche, ao persoal de Carrefour Ourense, á BRILAT, a Servando e a todas as persoas e entidades que fixeron posible esta axuda. É un exemplo claro de solidariedade e cooperación entre cidadanía, institucións, empresas e forzas armadas.”
Como xesto de agradecemento, o Concello de Trives entregou aos membros da BRILAT unhas tradicionais bicas de Trives, símbolo da hospitalidade e da identidade local.