En portadaÚltima hora

Trives e Río contratarán a expertos para impulsar a procura de restos arqueolóxicos e a dixitalización dos existentes

 

Os Concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río teñen previsto impulsar conxuntamente o seu patrimonio arqueolóxico, segundo veñen de facer público.Neste senso pretenden contratar e a un equipo de expertos que traballarán na procura de restos históricos, ademais de estudar exhaustivamente e dixitalizar os existentes.

Este proxecto para dinamizar o patrimonio arqueolóxico dos dous municipios xa foi presentado ás subvencións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Un grupo de arqueólogos xa visitou algunha das zonas nas que se levarán a cabo as intervencións. Máis en concreto, segundo o proxecto, actuarase na Vía Nova, sobre as tres pontes da Pobra de Trives: Bibei Navea e Cabalar.

Tamén no Castro da Cigadoña, incluído no catálogo da Xunta de Galicia pero que aínda ten moito por descubrir. A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, insiste en que este é precisamente un dos lugares no que se porá gran atención, pola súa relevancia histórica e subliña a importancia deste proxecto: “Hai lugares de gran valor patrimonial en Trives, coma o castro da Cigadoña, que está catalogado pero que ninguén estudou en profundidade. Queremos dar a coñecer todo o seu potencial”.

O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, asegura que con esta iniciativa “farase unha forte aposta creando un plan de dinamización do noso patrimonio cultural”. Insiste en que “fomos, somos e seremos lugar de paso de moitas culturas distintas, un lugar estratéxico e un territorio máxico”.

Artigos relacionados

Back to top button