SanidadeÚltima hora

Trives e Xinzo, referentes na implantación dos plans de saúde na área sanitaria ourensá

Os Servizos de Atención Primaria de Trives e Xinzo recoñecidos pola súa atención domiciliaria e accesibilidade nun modelo que achega a sanidade á comunidade

Os Servizos de Atención Primaria de A Pobra de Trives e Xinzo de Limia veñen de ser recoñecidos como exemplos de boas prácticas, respectivamente, polo seu labor en atención domiciliaria e a súa accesibilidade, na IV edición dos Premios aos Plans Locais de Saúde, que veñen de entregarse, destacando dous ámbitos clave nun modelo asistencial orientado á proximidade e á resposta ás necesidades reais da poboación.
Os Plans Locais de Saúde constitúen unha ferramenta estratéxica para reforzar a Atención Primaria, ao integrar a asistencia sanitaria co coñecemento do contorno social, demográfico e epidemiolóxico de cada zona. Este enfoque permite adaptar as intervencións ás características específicas de cada comunidade, favorecendo unha atención máis eficaz, coordinada e centrada nas persoas.
Un modelo que abre os centros de saúde á comunidade
A experiencia de Trives e Xinzo exemplifica o potencial destes plans para transformar a práctica asistencial. No caso de Trives, o recoñecemento á atención domiciliaria pon en valor o seguimento activo de pacientes, especialmente aqueles con maior complexidade ou dificultades de desprazamento, garantindo continuidade asistencial no propio fogar, tal e como se indica dende a área sanitaria ourensá.
Pola súa banda, Xinzo de Limia destaca pola accesibilidade, facilitando o contacto da cidadanía co sistema sanitario mediante organización da demanda, circuítos máis áxiles e unha maior capacidade de resposta desde o primeiro nivel asistencial.
“Ambos modelos comparten unha visión común: achegar a sanidade á vida cotiá das persoas, promovendo a prevención, a detección precoz e a educación sanitaria, ao tempo que se reforza a coordinación cos servizos hospitalarios”, matiza a área ourensá.
Complétase a rede de servizos con plan local de saúde en Ourense
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras completará este ano a implantación dos Plans Locais de Saúde a todos os seus servizos de atención primaria, no marco  desta estratexia global da Consellería de Sanidade de fortalecemento do primeiro nivel asistencial. Na actualidade, esta liña de traballo está xa desenvolvida na práctica totalidade de centros de saúde da área, que se foron incorporando nas  sucesivas convocatorias e continúa estendéndose de forma progresiva co obxectivo de acadar unha cobertura completa.
A nivel galego, son xa 121 os servizos de Atención Primaria que dispoñen dun plan local de saúde, dando cobertura a máis de 2,2 millóns de persoas, cun obxectivo de implantación total a curto prazo. Neste contexto, a área ourensá sitúase aliñada con esta estratexia autonómica, consolidando un modelo que aposta por coñecer mellor á poboación, escoitar as súas necesidades e actuar sobre os determinantes da saúde no ámbito máis próximo.
Os premios concedidos a Trives e Xinzo recoñecen tamén o compromiso dos seus equipos profesionais coa mellora continua, a innovación organizativa e a atención centrada no paciente. A través destes plans, os centros de saúde reforzan o seu papel como eixo do sistema sanitario, promovendo unha asistencia máis humana, accesible e coordinada.
Back to top button