ConcellosTrivesÚltima hora

Trives incorpora un novo camión de bombeiros grazas á doazón altruísta dun particular

O vehículo reforza a capacidade de resposta ante emerxencias nun municipio de ampla extensión e núcleos dispersos

 

O Concello da Pobra de Trives vén de  incorporar ao seu dispositivo de emerxencias un novo camión de bombeiros, “recibido mediante a doazón altruísta dun particular”, segundo indica esta administración local. O vehículo, engade, “supón un reforzo relevante dos medios municipais destinados á atención de incendios, accidentes e outras situacións de emerxencia”.

A recepción do vehículo tiña lugar nas instalacións municipais e contaba coa presenza da alcaldesa, Patricia Domínguez, e dos concelleiros Rubén Pérez, responsable de Medio Rural, Obras e Medio Ambiente, e José Luis Vidal, concelleiro de Turismo.

“A incorporación deste camión incrementa a capacidade de resposta nun concello caracterizado pola súa ampla extensión territorial, a dispersión dos núcleos de poboación e as condicións propias do medio rural. Desde o goberno local subliñan que este reforzo mellora de maneira significativa a operatividade ante posibles incidencias”, din dende o Concello de Trives.

Así mesmo, esta administración apunta que “a dotación de medios deste tipo fora solicitada con anterioridade á Xunta de Galicia, administración competente en materia de prevención e extinción de incendios, posto que o parque de bombeiros máis próximo sitúase na Rúa, a máis de corenta minutos de distancia de Trives”. Segundo o goberno municipal, “esta petición nunca foi atendida por parte da Xunta”.

A chegada do vehículo foi posible grazas á iniciativa dun particular que decidiu realizar a doazón sen solicitar ningún tipo de recoñecemento público. O Concello “respecta expresamente a vontade de anonimato do doante e agradece o xesto de forma pública. O novo camión leva o nome dunha muller vinculada á Pobra de Trives e á súa historia, polo que a súa memoria queda agora asociada a un recurso destinado á protección e seguridade da veciñanza”.

 

 

Desde o goberno municipal destacan o valor humano da achega. “Hai xestos que non necesitan grandes explicacións. Quen fixo posible esta doazón non quixo protagonismo nin recoñecemento; quixo simplemente deixar algo útil para Trives. E iso ten un valor enorme”, di a alcaldesa, Patricia Domínguez.

O vehículo, polas súas prestacións técnicas, permitirá ampliar a capacidade de intervención non só en incendios, senón tamén en accidentes de tráfico e outras situacións que requiran resposta de emerxencia. Conta con tracción 4×4 e sistemas de auxilio en estrada, o que mellora a súa operatividade en todo o territorio municipal.

 

 

Dende o Concello subliñan a importancia de dispoñer deste recurso plenamente operativo nun municipio con características xeográficas e demográficas que dificultan os tempos de resposta. “Grazas por confiar en Trives, grazas por este xesto de xenerosidade e grazas por deixar aquí algo que, a partir de hoxe, vai estar ao servizo de todos. Que este camión leve sempre consigo o cariño de quen o fixo posible e o compromiso de Trives de utilizalo para protexer e axudar”.

Fotos e vídeo cedidos.

 

Back to top button