A RúaConcellosÚltima hora

Turismo de Galicia e o Concello da Rúa asinan un convenio para melloras no albergue de peregrinos

 

Na mañá deste xoves 19 de xuño, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, achegábase ata o concello da Rúa para celebrar dous acontecementos que teñen que ver co fenómeno Xacobeo. O primeiro era clausurar o programa educativo multidisciplinar, Vexo Veo Xacobeo 2025 no CEIP Manuel Respino; e o segundo asinar un convenio de colaboración co Concello da Rúa para actuacións de mellora no albergue municipal de peregrinos.

 

 

Contando coa asistencia do presidente da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago, Enrique Álvarez e de membros da Asociación do Camiño de Inverno por Valdeorras, ademais da alcaldesa da rúa, María G. Albert e concelleiros, a sinatura do convenio tiña lugar diante do propio albergue, ubicado a carón do centro escolar e servirá para “facer melloras relativas á instalación eléctrica, calefacción e mobiliario, de forma que a acollida sexa máis confortable para os peregrinos que se achegan e fan uso deste servizo”, dixo o propio Merelles, destacando que polos datos cos que contan “é unha infraestrutura que conta xa no Camiño de Inverno, sendo bastante utilizada dentro da afluencia do propio Camiño, o que máis medrou xunto co Camiño Portugués da Costa, os dous últimos en incorporarse á rede oficial de Camiños de Santiago”. De feito o ano pasado foron preto de 3.000 os peregrinos que pasaron por el, un 42% máis que no 2023.

 

 

“As cousas marchan ben tamén neste 2025 sendo máis de 1.100 os peregrinos que recibiron a Compostela despois de transitar polo Camiño de Inverno, un 13% máis que no mesmo período do ano pasado”, dixo o director de Turismo de Galicia, engadindo que esta instalación (moi próxima ao Camiño que pasa entre San Roque e Vilela rumbo a Fontei) “foi utilizada por máis de 1.000 persoas que fixeron o Camiño e con este convenio queremos que a acollida sexa aínda mellor e aquelado para os peregrinos”.

 

 

Segundo o acordo asinado hoxe, o proxecto inclúe entre as melloras que se van realizar, o aumento da potencia eléctrica, a renovación dos sistemas de calefacción e de frío/quente, e a renovación do mobiliario dos dormitorios -camas e liteiras- en busca de estruturas máis duradeiras e de maiores dimensións. O albergue dispón de 13 prazas en dous dormitorios compartidos.

Xosé M. Merelles asegura que seguen dando pasos para poñer en valor o Camiño de Inverno, o único que atravesa as catro provincias e cada vez ten máis proxección. “Cremos que tamén poñer en valor o Camiño e a ruta Xacobea vai beneficiar cada vez máis a este concello porque cada vez son máis as persoas que poderán coñecer A Rúa e Valdeorras peregrinando a Compostela e para min como rués é unha satisfacción poder colaborar neste sentido e oxala o ritmo de crecemento siga sendo o mesmo que ata agora”.

 

 

Pola súa banda, a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, lembrou os inicios do albergue que cumpriu xa un ano aberto. “Hai 11 anos iniciábase o proceso de desafectación destas duas antigas casas de profesores co obxectivo de poder facer este albergue iniciado de forma modesta e mellorando paulatinamente a través de obradoiros municipais e agora cumpriu un ano aberto cun modelo de xestión a través de hospitaleiros, unha forma de enteder o Camiño moi tradicional e arraigada nas raíces do Camiño que funciona”, dixo, dando as grazas á Axencia de Turismo de Galicia personificada en Xosé Merelles que “nestes dous anos se leva implicado moito neste concello que o viu nacer, algo que agradecemos, tamén con asociacións culturais”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button