OurenseÚltima hora

Turismo de Galicia pecha a renovación do sendeirismo homologado en Galicia

O acordo asinado hoxe permitirá actuar sobre 77 sendas homologadas das provincias de Pontevedra e Ourense

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou hoxe un novo convenio de colaboración co presidente da Federación Galega de Montañismo, Alejandro López Sánchez, para a posta en valor do patrimonio natural galego como “un dos grandes atractivos turísticos da comunidade” a través dunha alianza para mellorar, actualizar e reforzar a seguridade e accesibilidade das sendas homologadas de Galicia.

A actuación culminará cun investimento global de 132.000 euros distribuídos en dous convenios asinados entre Turismo de Galicia e a Federación Galega de Montañismo o pasado ano e este 2026. O novo acordo, dotado con 66.478 euros, permitirá actuar sobre 77 sendas homologadas das provincias de Pontevedra e Ourense, mentres que o convenio anterior, tamén por importe de 66.478 euros, centrouse noutras 82 sendas das provincias da Coruña e Lugo. En total, actualizaranse 159 itinerarios en toda Galicia.

Segundo explicou o director de Turismo de Galicia, esta iniciativa “permite seguir fortalecendo a oferta de turismo de natureza da comunidade, un segmento estratéxico pola súa capacidade para atraer visitantes cunha elevada estadía media e interesados nun turismo sustentable e vinculado ao territorio”.

Turismo de natureza

Neste sentido, lembrou que o turismo de natureza representa xa o 5,6% do total de turistas que recibe Galicia, con preto de 387.000 viaxeiros e arredor de tres millóns de noites anuais. Ademais, este perfil de visitante presenta unha estadía media de 7,8 noites, superior á media xeral da comunidade.

O convenio inclúe a inspección de todas as sendas homologadas pola Federación Galega de Montañismo nas provincias de Pontevedra e Ourense, así como a elaboración de fichas técnicas actualizadas. Os traballos implican a medición dos itinerarios, a recollida de datos técnicos, a elaboración de cartografía e perfís altimétricos, reportaxes fotográficas e a redacción de novos contidos divulgativos.

Tamén se realizará un labor previo de coordinación cos entes promotores das sendas para garantir a súa correcta conservación e posta a punto antes das auditorías da Federación Galega de Montañismo.

O director de Turismo de Galicia salientou ademais que esta actuación permitirá actualizar a finais de 2026 o catálogo ‘Sendas para descubrir un país’, publicación de referencia editada por Turismo de Galicia desde 1998 e que recolle exclusivamente os itinerarios homologados conforme aos estándares oficiais autonómicos, estatais e internacionais.

Galicia conta actualmente con máis de 150 sendas homologadas e preto de 2.000 quilómetros practicables, consolidándose como un destino privilexiado para o sendeirismo e o turismo activo.

Back to top button