O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, participaba neste domingo 25 de outubro nunha andaina que discorría pola ruta do mel de Rubiá, enmarcada na programación do programa V Nove, que conta co apoio da Xunta de Galicia. A iniciativa permitíalles aos participantes coñecer alguns dos principais valores naturais e etnográficos da comarca de Valdeorras, así como a tradición apícola vinculada á súa paisaxe.
Esta actividade enmárcase no apoio de Turismo de Galicia á promoción dos recursos propios do territorio e ao desenvolvemento de experiencias turísticas relacionadas coa natureza, o patrimonio e os produtos locais.
A xornada comezou no Centro de Visitantes do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, en Biobra (Rubiá), onde os participantes coñeceron os valores naturais e ambientais deste espazo protexido. A continuación, achegáronse ata Oulego, onde os responsables da empresa apícola O Marquesado presentaron a alvariza da zona, unha construción tradicional ligada á protección das colmeas. A visita continuou nas instalacións da empresa, onde puideron achegarse ás características da mel e á súa vinculación co territorio.

Xosé Manuel Merelles destacou o “potencial dos recursos naturais e produtivos da comarca para diversificar a oferta turística e reforzar a súa identidade”. Ademais, puxo en valor o continuo impulso da Xunta ao “desenvolvemento turístico de Valdeorras”, co apoio á promoción dos valores tanto naturais como culturais e o fortalecemento da súa oferta a través de instrumentos coma o Plan de sustentabilidade turística en destino, a promoción do xeodestino Trevinca-Valdeorras, o apoio ao enoturismo e as melloras no Camiño de Inverno, entre outras apostas.
Neste contexto, Merelles subliñou que “Valdeorras conta cunha gran riqueza natural, patrimonial e gastronómica”, con múltiples posibilidades para desenvolver experiencias turísticas diferenciadas e vinculadas á identidade do territorio. “A través de propostas como a Ruta do Mel, contribuímos tamén a dar visibilidade a recursos menos coñecidos e a favorecer novas formas de descubrir o territorio”, engadiu.
O director de Turismo de Galicia subliñou a aposta realizada polo seu departamento para a promoción dos atractivos turísticos desta zona que se traduciu nos bos resultados que se conseguiron ata a actualidade despois de que fose o xeodestino, Trevinca-Valdeorras, que máis medrou nos meses de verán, en xullo e agosto, concretamente o 54,6% no número de visitantes e o 94,5% nas pernoctacións com respecto aos mesmos meses de 2025.

Segundo os datos feitos públicos este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o número de visitantes a esta zona incrementouse no que vai de ano máis do 43% e o de noites feitas nos establecemento da comarca aumentou o 64,6%. Xosé Merelles salientou o forte incremento de turistas internacionais superou o 100% e tamén os visitantes nacionais que aumentaron o 35%.
O conxunto destas iniciativas reflicte o compromiso da Xunta coa promoción de Valdeorras como destino turístico sostible, diversificado e vinculado a súa identidade. Esta liña de traballo oriéntase a incrementar o atractivo turístico da comarca e xerar oportunidades para a súa actividade económica.
Fotos e vídeos: O SIL.

