SanidadeÚltima hora

UGT rexeita a reforma dos PAC por “introducir cambios na xornada sen garantías legais”

O sindicato sostén que a proposta "vai máis alá dunha reorganización puntual e implica unha modificación do modelo asistencial"

Exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco.

 

UGT Servizos Públicos de Galicia vén amosar, a través dun comunicado de prensa, o seu rexeitamento á proposta de modificación do Decreto 172/1995, ao considerar que introduce cambios relevantes nas condicións de traballo do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC). Segundo expón a organización sindical nas súas alegacións, “a reforma prevé a ampliación do horario de funcionamento destes dispositivos, incorporando a actividade das mañás dos sábados á xornada ordinaria. Para UGT, esta medida supón unha alteración substancial das condicións laborais, ao introducir novas obrigas sen negociación efectiva”.

O sindicato sostén que a proposta “vai máis alá dunha reorganización puntual e implica unha modificación do modelo asistencial, con efectos sobre a carga de traballo, a distribución da xornada e a conciliación do persoal, ademais do seu impacto na saúde laboral”.

A organización sinala que, aínda que a Administración presenta o modelo como voluntario, “a normativa non recolle garantías que permitan asegurar esa voluntariedade, ao establecer a apertura obrigatoria dos PAC nas mañás dos sábados”.  Neste contexto, advirte de que “a necesidade de cubrir un servizo esencial e a falta de efectivos poden provocar que esa suposta voluntariedade se converta, na práctica, nunha obrigación para o persoal”.

UGT indica que, “de continuar a tramitación da reforma, sería necesario introducir garantías que aseguren a seguridade xurídica do modelo, así como a aplicación efectiva das melloras retributivas desde o 2026 e o cómputo da xornada complementaria desde a primeira hora”.

Ademais, reclama que “a actividade dos sábados pola mañá teña carácter voluntario, que se realice unha auditoría do funcionamento dos PAC e que se revisen os efectivos, especialmente nos centros con maior carga asistencial”. En materia laboral, o sindicato demanda tamén o recoñecemento da quenda rotatoria complexa, a equiparación dos sábados aos festivos e o abono das noites de venres como prefestivas.

Back to top button