EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ultímanse os detalles da VI Velada dos Sentidos de Godeval, con Martirio

Este evento está previsto para a tarde-noite do 28 de xuño nos xardíns da adega en Xagoaza (O Barco)

Imaxe dunha edición anterior da Velada dos Sentidos de Godeval./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ultímanse os detalles da VI Velada dos Sentidos no xardín da Adega Godeval en Xagoaza (O Barco), prevista para a tarde-noite do 28 de xuño. Unha das novidades desta edición é que no prezo da entrada inclúe a cea. Será un cátering moi elaborado con 9 referencias salgadas e unha doce para cubrir os diferentes gustos e necesidades. Ademais, no prezo da entrada inclúese o concerto da artista Martirio e 3 copas de Godeval. Un pack completo que se pode aumentar coa compra de botellas e copas de viño cun prezo especial e cos cócteles realizados cos augardentes e licores da destilería de Godeval, coñecidos como Mosteiro de Xagoaza, polo Premio nacional de coctelería e consultor de marcas de destilados Premium, Diego Mosquera.

Transgresora e tradicional, atrevida e intimista, a música de Martirio, foi sempre ponte entre culturas e soubo fusionar dunha maneira moi persoal copla andaluza, flamenco, bolero, jazz, tango, rock ou guaracha. A súa música unirase o 28 de xuño ás elaboracións da adega (100% godello), nunha contorna única ao aire libre, no xardín da adega rodeado de viñedos. Os asistentes serán recibidos sobre as 8 da tarde cunha copa de Godello Godeval como benvida.

 

 

Gastronomía de proximidade e viño mentres anoitece gozando do solpor ao son de música de jazz ata que ás dez da noite de comezo o concerto da artista mentres se pode seguir gozando de viños por botella e por copas ademais dos cócteles cos augardentes e licores da súa destilería.

 

 

“Seguimos traballando para que a noite do 28 de xuño sexa memorable en todos os sentidos. Lembrámosvos que para adquirir as entradas existen 3 puntos de venda: a través da web da adega: Entradas VIN Velada e tamén directamente na adega no tel. 988 10 82 82. Ademais en dúas tendas do Barco: Tenda Ton y Son e Estética Pamen”, segundo informa a adega. A entrada ao evento, ten un prezo de 70€ e inclúe o acceso ao concerto, a cea e tres copas de Godello Godeval. (As prazas son limitadas e recoméndase reservar con antelación).

Con este tipo de actividades, Godeval quere continuar co seu ciclo de concertos que empezaron no ano 2017 e poder levar á comarca de Valdeorras tanto a artistas que están a despuntar polos seus traballos musicais como, neste caso, a aqueles que xa teñen unha traxectoria avalada polo seu traballo.

 

Back to top button