Sorpresa, conmoción, dor, impotencia… Son algúns dos sentimentos cos que familiares, amigos, compañeiros e coñecidos de Miguel Blanco González (1973-2015) recibían e asumían o seu falecemento.
Na mañá do 9 de outubro o xove neurólogo, director da unidade de ictus do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), aparecía morto na súa residencia en San Pedro de Bugallido (Ames, A Coruña). Ese día, de forma inesperada, mentres durmía, quedaba truncada unha prometedora vida tanto no terreo persoal, como social e profesional.
Nado en Petín na comarca de Valdeorras, onde tiña boa parte da súa familia, o doutor tiña unha traxectoria brillante con galardóns como o Premio de Investigación da Academia Médico-Cirúrxica de Santiago ou o concedido pola Federación Galega de Dano Cerebral. Asumira hai cinco anos a acoordinación da Área Neurovascular da Área de Xestión Integrada de Santiago e era profesor asociado de medicina dende 2003, desenvolvemdo un próspero labor en investigación a nivel internacional en todo o relacionado co ictus, materia sobre a que escribíu e presentou numerosos artigos e comunicacións en congresos.
A súa carreira, pero sobre todo a súa vinculación familiar (neto da Elodia, sobriño de Álvaro Blanco, casado con Susana Bembibre natural de A Rúa), facía que Miguel Blanco (pai de tres fillos) visitara con frecuencia o seu pobo natal, un pobo que o víu crecer e xogar, que o quería e que hai dous anos disfrutaba co seu pregón co que daba comezo á edición de 2013 da “Feria de 1812 en Petín”. Hoxe chora tamén a súa perda, dándolle o último adeus.