EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Un ambicioso proxecto converterá o antigo poboado do Vao (Manzaneda) en Boutique Hotel de luxo

A iniciativa, denominada "Aldea O Vao", está promovida por unha parella estranxeira residente nos Estados Unidos e vén de presentarse nesta semana

 

Revitalizar o impresionante poboado do Vao (Manzaneda), no que anos atrás vivía o persoal da empresa hidroeléctrica da presa, como hotel boutique, sentando as bases para a súa evolución gradual cara un extraordinario complexo turístico de luxo na vindeira década. É o obxectivo dun ambicioso proxecto, denominado como “Aldea O Vao”, promovido por unha parella estranxeira e residente nos Ánxeles (Estados Unidos), que adquiría a propiedade. Este proxecto presentábase o 4 de xullo no mesmo poboado.

No acto participaban, ademais dos impulsores da iniciativa, entre outras persoas da zona, representantes políticos, entre eles os alcaldes de Manzaneda e O Bolo, Amable Fernández e Miguel Ángel García, así como o concelleiro de Cultura de Viana, Marcos Martínez, e a xerente do Inorde, Enma González, ademais de produtores da zona e artesáns, técnicos de Turismo e mesmo antigos traballadores do poboado.

“O noso principal obxectivo é fomentar unha empresa próspera e financeiramente sostible que non só atraia turistas á zona, senón que tamén honre á terra, fomente as asociacións con artesáns locais e xere emprego significativo para a comunidade”, explicaba Milla Nova, CEO do proxecto, durante a exposición previa do proxecto, que tiña lugar no edificio principal.

A intervención implica un ambicioso plan de expansión, co fin de restaurar o conxunto do poboado, cunha extensión de 5 hectáreas, algunhas de cuxas zonas, como son a igrexa, un antigo cine ou o edificio principal, así como o campo de fútbol, eran percorridos polos asistentes o acto de presentación. “Coa vista posta no futuro, o noso obxectivo global é pasar de ser un hotel boutique a un complexo de benestar integral, autosuficiente e respectuoso co medio ambiente na próxima década”, adiantaban os propietarios.

 

 

Así mesmo, impulsados “pola visión da redefinir a hospitalidade, pretendemos fusionar á perfección o rico patrimonio cultural da rexión co luxo moderno e a sostibilidade. O noso obxectivo é transformar a casa principal nun hotel respectuoso co medio ambiente, que ofreza a hóspedes que buscan un respiro e aos visitantes entusiastas un aloxamento cómodo e elegante, convidándoos a desfrutar dunha tranquilidade reparadora e un aire fresco vigorizante, animándoos a participar en actividades ao aire libre, retiros, celebracións e exploración da natureza galega, delicias, culinarias, tradicións e festivais”.

A súa inquedanza vai máis aló e buscan “dar a coñecer as xoias de Galicia, que a miúdo se pasan por alto, como Terra de Trives e Viana, captando a atención do mundo. Ademais, a nosa iniciativa pretende fomentar a colaboración e o comercio coas empresas locais, así como proporcionar emprego remunerado ás familias locais, garantindo uns ingresos estables e a prosperidade mutua dentro da comunidade”.

 

 

Así, o proxecto deste futuro “Boutique Hotel & Nature Resort” inclúe un aloxamento de luxo, con habitacións Deluxe e suites (unha presidencial e suites executivas para viaxeiros de negocios, con espazos de traballo); así como unha experiencia gastronómica para os seus hóspedes: con cociña gourmet (cunha gran variedade de experiencias culinarias), cociña de autor e servizo de habitación.

Tamén fan fincapé no apartado de benestar e ocio con tratamentos de spa (dende masaxes a terapias de beleza), fitness e actividades especializadas (visitas guiadas, talleres de arte, cerámica e excursións de aventura), xunto con espazos pensados para eventos (banquetes e vodas, reunións de empresas ou festivais) e conferencias.

A intención é atraer visitantes non só de toda España, senó tamén do estranxeiro.

 

 

Recuperación do antigo cine

O proxecto tamén prevé a recuperación do antigo cine do poboado coa idea de abrirlle as súas portas á comunidade local, tras a súa completa recuperación. “O complexo de ocio traerá películas, acollerá ciclos de concertos e reunións comunitarias, ademais de ofrecer comida e bebida aos visitantes. O cine servirá para celebrar diversos actos, como vodas, reunións da comunidade, enotecas e unha variedade de clases gratuítas e asequibles”, adiantan os responsables da iniciativa.

 

 

Repercusión na comunidade

Outro dos aspectos nos que inciden os promotores de Aldea O Vao é na repercusión que esta iniciativa vai ter na comunidade local. Tanto no emprego (de diversos perfís) que xerará ao seu redor durante a rehabilitación e posta a punto das instalacións, como unha vez que o complexo estea en funcionamento, xa que se crearán unha serie de postos de traballo para o persoal de xestión, mantemento e servizos do hotel. Así mesmo, tamén se dinamizará a economía do entorno en cuestións como a da restauración e compras.

“Gustaríanos que os produtos que se consuman en Aldea O Vao sexan, na medida do posible, de produtores locais, como mel, carne, hortalizas, viño, etc.”, din.

Ao mesmo tempo, a parella impulsora de Aldea O Vao resalta a súa aposta polo compromiso medioambiental, “dedicámonos a operar de forma sostible, reducir a nosa pegada de carbono e preservar os ecosistemas locais”; e pola participación comunitaria. E, nese senso, avanzan que “participaremos activamente no desenvolvemento da comunidade local mediante asociacións benéficas e comerciais, asi´como iniciativas de emprego”.

Fotos: cedidas polos responsables do proxecto/ Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

 

Back to top button