CulturaCulturaÚltima hora

Un amplo abano cultural, social e literario para celebrar os Maios en Verín

Once colectivos participarán na exhibición dos Maios tradicionais e coplas o vindeiro 1 de maio

Foto: Concello de Verín.

 

A área de Cultura do Concello de Verín presenta unha ampla e diversa programación con motivo da celebración dos Maios, que terá o seu día central o venres 1 coa tradicional Festa dos Maios na Alameda, unha cita consolidada desde os anos oitenta. A xornada completarase coa celebración da Feira Solidaria na Praza García Barbón, na que participarán entidades sen ánimo de lucro que ofrecerán produtos e servizos con fins sociais. Como novidade nesta edición, ao programa incorporarase tamén a presentación, o xoves 30 de abril, da obra “Artigos, contos e Maios”, de Bruno Rúa, reforzando así o carácter cultural e divulgativo da celebración.

Desde as 11:00 ata as 20:00 horas, está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos confeccionados polos CEIP Amaro Refojo e Princesa de España; CRA Monterrei; Colexio Plurilingüe María Inmaculada; IES Xesús Taboada Chivite; IES Castro de Baronceli e IES García Barbón; Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei; Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta; Asociación Verinense de Amigos da Música e Colexio Apostólico Mercedarios.

Ás 12:00 horas, na Alameda, terá lugar o concerto da Banda de Música do Conservatorio Profesional de Verín.

Desde as 11:00 horas da mañá estarán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 1 euro. O diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinaranse á Asociación Española contra o Cáncro de Ourense.

Está previsto que colaboren na edición das coplas once centros de ensino e asociacións: CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España, CRA Monterrei, Colexio Apostólico Mercedarios, Colexio Plurilingüe María Inmaculada, IES Xesús Taboada Chivite, IES García Barbón, IES Castro de Baronceli, Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei, Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, Asociación Verinense de Amigos da Música, Cruz Vermella, FEMURO (Asociación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense), Miquiños, Solleira, AEVER (Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín), Anedia (Asociación de nenos e nenas e xente nova de diabetes de Galicia) e Cáritas.

A celebración da xornada culminará ao mediodía coa tradicional degustación de polbo á feira na Praza García Barbón, un dos momentos máis agardados polo público asistente.

A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Gómez Pato a comezos da década dos cincuenta. “O Pato”, coa colaboración dos seus fillos, e, anos máis tarde, a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado. No segundo goberno municipal democrático, no primeiro quinquenio dos oitenta, a festa viuse reforzada, con subvencións a Maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.

Feira Solidaria

A Praza Maior acollerá tamén o vindeiro 1 de maio a cuarta edición da Feira Solidaria, organizada polo Concello de Verín. Esta iniciativa, que pretende poñer en valor o labor das asociacións sen ánimo de lucro participantes, contará coa participación de entidades, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.

A día de hoxe están inscritas na Feira a Asociación Española Contra o Cancro, a Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei, a Asociación de Amigos da Cultura e do Ocio Aires Nosos, a Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, CDR Portas Abertas, Cruz Vermella e FEMURO, Asociación Verinense de Amigos da Música, Miquiños, Solleira e Anedia. Así mesmo, como vén sendo habitual, AEVER instalará inchables para os máis pequenos na Praza García Barbón.

Entre os obxectivos da Feira Solidaria atópanse, recadar fondos para os colectivos máis desfavorecidos da comarca de Monterrei, proporcionar información sobre as distintas asociacións que participan no evento e dos servizos que ofrecen, conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus proxectos e actividades e a creación dun marco de cooperación común entre os seus organizadores e colaboradores. O horario de apertura dos Stands da Feira Solidaria será a partir das 11:00 h.

Presentación literaria

A programación cultural completarase o xoves 30 de maio ás 20:30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, coa presentación da obra “Artigos, contos e Maios”, do autor Bruno Rúa.

Esta publicación supón unha recuperación e posta en valor da figura de Enrique Gómez Pato, referente da cultura popular verinesa, cuxa obra destacou pola súa capacidade para retratar a realidade social a través da palabra, combinando crítica, humor e compromiso cívico.

O acto constitúe unha oportunidade para afondar no legado dun autor estreitamente ligado á tradición dos Maios e á identidade cultural da vila.

Back to top button