Arredor de 360 persoas e un total de 14 comparsas participaban, na tarde deste sábado 14 de febreiro, nun colorido, animado e tamén reivindicativo desfile de Entroido en Vilamartín de Valdeorras.

Un ano máis era a Rodeleira o punto de saída, pasadas as catro e media, rumbo á praza Xosé Lois Núñez onde esperaba un chocolate con churros, moi apetecible a pesar do espectacular día de sol que lucía tras semanas de intensa chuvia e música a cargo de Disco Show Danzalia.
A orixinalidade e elaboración dos disfraces chamaba coma sempre a atención en cada comparsa, moitas con traballadas coreografías. Abrían os de casa, a ANPA do CEIP Xosé Manuel Folla Respino cunha comparsa contra os lumes. De seguido saían o Club de Petanca Valdeorras; Os Exipcios de Quereño; ASFAVAL no País das Maravillas, Tropicoteca; Abellas, Se chove, que chova da Veiga de Cascallá, Trangallada, As Setas en Festa, os Piratas do CEIP Ramón Otero Pedrayo, Os Artistas de Aturuxo e Sabana de Rubiá, pechando o Fulión Os Viticultores.











Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.