AletismoDeportesÚltima horaVídeos

Un cartel de luxo na 49ª edición da San Martiño que reunirá o domingo a máis de 11.000 corredores

 

A Carreira do San Martiño afronta este domingo a súa edición número 49 con récord de inscricións e un cartel do máis alto nivel. O salón de plenos do Concello acolleu esta tarde a rolda de prensa previa á proba, que este ano estrea percorrido e incrementa os seus premios co obxectivo de proporcionar un extraordinario espectáculo deportivo. O cartel da carreira ourensá reúne atletas campións de España, Europa ou Etiopía, con grandes marcas persoais en diferentes especialidades.

Abdessamad Oukhelfen: campión de España de 10 km e campión de Europa de cross en 2 ocasións coa selección española; Pablo Sánchez: campión de España de 5 km e prata no campionato de Europa de media maratón coa selección española; David de la Fuente: campión de Galicia e subcampión de España de 5 km (2 veces) e de 5.000 lisos (1 vez), gañador da San Martiño 2025; Kiros Muaz: campioa de Etiopía de 10.000 metros lisos, con mellor marca persoal en media maratón de 1 h 09 min 09 s; Hana Mekonin: cunha mellor marca persoal de 4 min 04 s en 1.500 metros lisos; e Ester Navarrete: atleta mundialista e olímpica e gañadora da San Martiño 2025.

 

 

A carreira bate este ano o seu récord histórico de inscricións, con 11.057 deportistas, que consolidan un ano máis a San Martiño como “a máis multitudinaria de Galicia”. Son 4.063 corredores e corredoras na categoría absoluta; 2.926 na Sub18, Sub16 e Sub14; 2.073 na Sub12 e Sub10, e 1.995 na modalidade inclusiva.

A San Martiño contará este ano cun circuíto máis rápido e unha cifra “impresionante” de máis de 11.000 inscritos, segundo destacou o alcalde na presentación oficial. O rexedor resaltou o incremento dos premios e a presenza de campións de España e de Etiopía, subliñando que a proba “conxugará nas rúas de Ourense o atletismo popular co de elite”.

Pola súa banda, o manager Víctor Alonso puxo en valor o “elenco de atletas de primeiro nivel” que comporán esta edición. “Será unha bonita carreira. Agardamos que o tempo acompañe e os atletas porán todo da súa parte para tentar bater os dous récords da proba”, asegurou.

Back to top button