CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Un cento de familias eran atendidas no 2025 polo Servizo de Atención Temperá situado en Quiroga

A comisión mixta deste servizo (do que forman parte os concellos de O Saviñao, Pantón, Sober, Bóveda, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga) vén de solicitar unha nova bianulidade

Foto: RTM Quiroga.

 

O Servizo de Atención Temperá situado en Quiroga, e do que forman parte os concellos de O Saviñao, Pantón, Sober, Bóveda, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga, vén de solicitar unha subvención para unha nova bianualidade, tal e como informa o Concello de Quiroga.

O acordo para a tramitación administrativa pertinente foi tomado en reunión extraordinaria da Comisión Mixta do servizo o pasado 2 de setembro. A reunión, con representación de todos os concellos que forman parte da agrupación, estivo presidida polo Alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e coordinada polo Concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández.

Na sesión procedeuse á sinatura conxunta do convenio de colaboración que regulará a xestión compartida do servizo entre os devanditos concellos unha vez sexa concedida a subvención. A achega que se solicita á Xunta, e que está cofinanciada pola Unión Europea, contémplase na Orde do 22 de xullo de 2026 e ten como obxectivo financiar o custe do servizo no período que vai do 1 de novembro de 2026 ao 31 de outubro de 2028. Nunha xuntanza anterior da Comisión Mixta do Servizo de Atención Temperá de Quiroga celebrada o pasado mes de xuño deuse conta da memoria do 2025.

“Entre outros datos reflectidos na mesma, destacouse: que o número nenos/as familias atendidas pasou de 111 (2024) a 90 (52 nenos e 38 nenas). Os datos revelan unha baixada de usuarios/as neste último ano entendendo que pode ser circunstancial pois no 2023 atendéronse 94 nenos/as. Os concellos con máis usuarios/as foron, por esta orde: O Saviñao con 34 (37,77 %) e Quiroga con 26 (28,8 %), seguiulle Pantón con 7 (7,82 %) e A Pobra do Brollón, Sober e Bóveda con 6 (6,66 %)”, segundo a información feita pública polo Concello de Quiroga.

Ademais, as especialidades con máis demanda seguen sendo Logopedia (45,95 %) e Psicoloxía (43,13 %). As especialidades profesionais con máis carga de traballo foron, por esta orde: logopedia (45,95%), psicoloxía (43,13%) e terapia ocupacional (10,92%).

Nas enquisas de satisfacción pasadas ás familias o mellor valorado foi o trato e a atención do persoal e a evolución dos nenos e nenas. Pola contra, nos aspectos a mellorar referíronse ao estado dalgunhas instalacións.

No apartado económico deuse conta da liquidación da anualidade 2024-2025 e adiantouse unha previsión para 2025-2026, exercicio económico que se liquidará con data 31 de outubro deste ano. A previsión é que haxa un pequeno déficit, pendente de axustar ao final da bianualidade 2024-2026, que pode roldar os 4.000 euros e que se repartirá proporcionalmente entre os concellos do SAT.

Back to top button