Entre o deporte e a solidariedade se move ‘Camiño da Diversidade’, unha xornada moi especial organizada pola Fundación INGADA que neste sábado 28 de xuño celebra a XI edición en Valdeorras. Como obxectivo de “reivindicar o patrimonio cultural de Galicia ao tempo que se promove o valor positivo da Diversidade”, tal como indican dende a organización, este ano decidían realizar unha parte do Camiño de Inverno, desde o concello de Vilamartín de Valdeorras ata o concello da Rúa.
Uns 7 quilómetros “cheos de actividades, alegría e diversidade” nunha xornada que comezaba arredor das 10:30 horas na praza de Vilamartín de Valdeorras onde tiña lugar o acto de benvida por parte de directivos da asociación, da tenente de alcalde de Vilamartín Sherezade Núñez e do Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica Jacobo Rey, con música dos Parrandas.
Este ano, a andaina está especialmente adicada ás mulleres rurais contando coa presenza dun grupo grande pertencente a FEMURO (Federación de Mulleres Rurais de Ourense), ademais de numerosos mesmobros de INGADA chegados dende A Coruña e xente doutros puntos de Galicia entre eles Valdeorras.
Arredor dun cento tomaban a saída en Vilamartín, seguindo o Camiño de Inverno ata o Campo de San Roque, na Rúa onde faráb unha pausa contando coa actuación do Mago Deimi.
O acto de clausura será na Área Recreativa do Aguillón, arredor das 17 horas coa lectura do manifesto, música e actividades para todos os públicos entre as que destaca un concurso de espantallos.
A Fundación INGADA xorde en 2014 co obxectivo de dar asistencia en Galicia a persoas afectadas por TDAH e trastornos asociados e ás súas familias, dada a alta prevalencia destas patoloxías na nosa sociedade e as carencias existentes para a súa atención desde todas as áreas necesarias (clínica, educativa, social, familiar, laboral).
“Conformamos a entidade un equipo multidisciplinar de profesionais da investigación, a medicina, a psicoloxía, o dereito e a bioética, a educación, etc. interesados/as en mellorar a atención ao TDAH en todos os ámbitos da vida”, aseguran dende o colectivo que esta fin de semana recalaba en Valdeorras.
Texto e fotos: Mónica G. Bellver.