
Pouco antes das oito da mañá deste 23 de agosto o 112 Galicia recibía unha chamada informando dun coche sinistrado na OU-531, en Castromao, en sentido Cortegada. Foi alguén que pasa polo lugar quen daba a alerta, sinalando que “o coche saírase da vía, chocara contra unha árbore e deslizárase por un desnivel duns 5 metros. O alertador pensaba que a persoa estaba atrapada, pero descoñecía en que estado podería atoparse debido á dificultade de acceder ao vehículo”, segundo o 112 Galicia.
Por iso, desde o 112, pediuse a colaboración dos membros do GES de Celanova e dos voluntarios de Protección Civil da mesma localidade. Ademais de achegarse ao coche, puideron comprobar a situación do ferido e proceder á súa liberación. Posteriormente, foi atendido polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e evaucado ao centro hospitalario de referencia nunha ambulancia.
Este operativo completouse cos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local. Tamén persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas.