
Co fin de afondar nas orixes e no significado da paisaxe da Ribeira Sacra como espazo simbólico na alta Idade Media, comezaban no 2021 a escavación no xacemento medieval do Preguntoiro (Pombeiro, Pantón). Dende entón xa catro as campañas arqueolóxicas realizadas neste singular espazo e coordinadas por Xurxo Ayán. A última remataba a primeiros deste mes de decembro.
Agora o equipo de investigadores fai balance dos resultados logrados ata o momento, tendo en conta, ademais, que esta última actuación “contribuíu notablemente a clarificar a xénese e evolución de todo este espazo construido. Até o momento as nosas intervencións lidiaron cun panorama complexo marcado polas reutilizacións, os expolios, as amortizacións e os cambios construtivos derivados do paso da fraga á ribeira entre a Alta e a Plena Idade Media”.
Así mesmo estase revelando “a complexidade estrutural” do xacemento, que se amosa “en toda a súa plenitude na zona Norte da escavación onde chegamos a detectar unha potencia estratigráfica de até 1.70 cm e a superposición de até tres estruturas murarias de diferente fasquía. Por vez primeira nestes catro anos, na presente campaña puidemos documentar contextos arqueolóxicos pechados, depósitos estruturados preservados desde época medieval sen alteracións nin afeccións por procesos antrópicos ou postdeposicionais. Estámonos a referir ao novo sartego antropomorfo do sector 01 e ás estruturas asoelladas no sector 04 a rente da pía escavada na rocha”.
Tres son os ámbitos materiais do rexistro arqueolóxico que destacan os investigadores, e que reforzan a súa interpretación do mesmo: restos do posible eremitorio, o depósito funerario e o espazo cultual arredor da pía.
Un posible eremitorio altomedieval
Os investigadores falan “dun hiato n’O Preguntoiro que vai da Idade do Bronce até a Alta Idade Media. Cos datos dispoñibles na actualidade, a inscrición de Asterigo e a pequena necrópole ordeada remítenos a unha cronoloxía relativa do século X da nosa era. A coluna praticada no muro de contención da terraza principal forneceu unha datación absoluta que sitúa a xénese dese espazo precisamente no século X cal AD. O feito de documentarmos unha tumba inacabada pode remitir a unha interrupción súpeta deste uso funerario do espazo, que puido ser bastante efémero. Pola súa vez, a inscrición remite a unha necrópole que é visitada con asiduidade”.
E cren que se trata dun posible eremitorio altomedieval. “A teor dos datos disponíbeis publicados até o momento e a partir do noso coñecemento do terreo, estamos en condicións de afirmar que un dos poucos sitios coñecidos que poderían ter albergado un destes eremitorios é o veciño O Preguntoiro 2 (descuberto para a ciencia pola profesora Ana Goy). Pola súa vez, no caso d’O Preguntoiro 1 a precedente intervención de 2023 e esta cuarta campaña contribúen a plantexar unha hipótese neste senso”.
Así deixan aberta esta hipótese de que na orixe “O Preguntoiro 1 fose un deses poboados espirituais (Martínez Tejera 2016) semellantes aos fomentados polo nobre godo Frutuoso, seguindo os presupostos cenobíticos de Martiño de Tours e Martiño de Dumio. Estes poboados en nada diferían das aldeas ou asentamentos domésticos, cercados por muros e valados”.

O novo sartego antropomorfo
Nesta campaña tamén se documentaba un sartego antropomorfo escavado na rocha. Este tipo de sartegos están considerados “un auténtico fósil director para datar o poboamento rural entre a Tardoantigüidade (séculos V-VIII) e o período altomedieval (séculos VIII-X) en boa parte da Península Ibérica”, din o equipo de investigadores do Preguntoiro. Neste senso, afirman que “estamos diante dun espazo funerario en funcionamento nos séculos IX-X, un pequeno camposanto cristián. Así pois este quinto sartego documentado na presente campaña completa a nosa visión da necrópole, que forma parte desas pequenas agrupacións de menos de 10 sartegos. Unha necrópole ordeada, malia o seu pequeño tamaño”.
E ademais é relevante polo seu depósito funerario. “O novo sartego antropomorfo exhumado nesta campaña no sector 01 en O Preguntoiro 1 é un unicuum. Así pois, para a Ribeira Sacra contamos con senllos depósitos secundarios dentro de sartegos en rocha no sitio arqueolóxico de Os Conventos (A Pobra do Brollón, Lugo) e na necrópole altomedieval de Barxacova (Parada de Sil, Ourense), pero non se documentaron aínda até o de agora contextos funerarios primarios”, sinalan os investigadores.
Así, detallan que, unha vez retirados os elementos construtivos, “rexistramos un claro depósito de combustión que cubría o enterramento e a súa contorna inmediata. A recollida de carbóns permitirá ter datacións radiométricas e mesmo a súa identificación antracolóxica. Esta unidade estratigráfica que cobre a tumba plantexa dúas posibéis interpretacións. En primeiro lugar, fai pensar na ausencia dunha tampa lítica que tapase o enterramento, xa que este depósito cincento cobre toda a área e non rexistramos bargos de lousa nin doutro tipo de material lítico. En segundo lugar, deixa a porta aberta para plantexar a súa natureza ritual. Na Idade Media adoitábanse facer lumes mortuorios na honra do defunto mais tamén como medida profiláctica para evitar os malos cheiros nos camposantos. Estes fogos in situ formaban parte de práticas paganizantes que mesmo perviviron até época moderna como se pode ver en visitas pastorais a parroquias galegas. Sexa como for, esta interpretación en clave simbólica abrangue tamén o rexistro exhumado no interior do novo sartego: anacos de cerámica altomedieval, cinco seixos brancos, un depósito de 56 fragmentos de tella e carbóns de orixe vexetal”.
No Preguntoiro hai evidencias das prácticas de espallamentos de carbón no interior e de fogueiras arredor das tumbas e, “á espera dos resultados da análise antracolóxica, o que si temos no sartego do Preguntoiro son dous depósitos inequívocos e intencionais. En primeiro lugar, un botado de anacos de tella (pertencentes a varios pezas completas, tanto curvas como planas) na parte central e costado esquerdo do enterramento. A disposición do material permítenos rexeitar a posibilidade de que a cuberta da tumba fose feita neste material, seguindo a tradición galaicorromana tardoantiga. Trátase dun depósito claro no que sobrancea a tella curva de meirande tamaño, na que se conserva un rectángulo puntillado. É posible que fose empregada como soporte para o traballo téxtil do coiro. A fasquía basta das tellas semellan remitir a unha fabricación local. Como noutros casos nos que o defunto era soterrado con bargos do lousado ou teito do seu fogar, podemos pensar que o finado levase canda si un recordo material da casa, eremitorio ou mosteiro do que procedía”, comenta o equipo.
A maiores, o segundo elemento material que se vincula claramente a unha ofrenda votiva a xeito de amuleto ou protección “é o conxunto de cinco seixos brancos, esparexidos polo interior da tumba. Esta pedra tivo un carácter apotropaico na paisaxe rural tradicional.

Unha posible inhumación infantil na contorna da pía
Un dos elementos considerados icónicos do Preguntoiro é unha pía escavada na rocha, sendo ademais o único elemento visible do xacemento. ” Na nosa primeira intervención de 2021 a restauradora Yolanda Porto procedeu á limpeza da estrutura e documentamos claramente unha cruz gravada no centro da oquedade. Así pois, canda outros afloramentos rochosos con cruces, a pía forma parte de todo este espazo cristianizado no que conviven coviñas prehistóricas e símbolos cristiáns”, matizan os investigadores.
Xa na campaña de 2023 o equipo decidía abrir unha sondaxe para valorar o potencial arqueolóxico desta área. “Daquela xa nos chamou poderosamente a atención a aparición en cotas superiores de material alto e plenomedieval diagnóstico (tapadeira lítica, óla, instrumental lítico), o que nos está a sinalar a perfeita conservación dese espazo”, indican. Por iso na campaña do 2024 facían unha ampliación cara ao oeste da zona escavada. “A escavación deste ano no sector 4 exhumou o espazo existente entre os sartegos e a pía. Así, puidemos comprobar como todo o afloramento rochoso está inzado de rebaixes de orixe antrópica, e de materiais típicos do período plenomedieval (asas de xerras con ungulacións, galbos con cordóns dixitados…)”. Se ben, “sen dúbida, o máis interesante da escavación foi a documentación doutra estrutura cistoide, no interior da cal atopamos un depósito moi orgánico de terra negra e no fondo unha peza lítica de procedencia foránea: un coio riarengo pulimentado. Con estes datos, plantexamos a hipótese de que estamos diante de inhumacións infantís, probablemente de neonatos. É este un proceso que coñecemos ben para outras áreas rurais”.

Os investigadores teñen a certeza de que “ese lítico (coiro riarengo pulimentado) foi depositado de xeito intencional dentro da estrutura, como tamén é o caso dos seixos dentro do sartego antropomorfo. Como sinalan R. Gilchrist e B. Sloane en época medieval detéctase un coidado especial dos pequenos, soterrados en posición de durmir e con obxetos apotropaicos, con amuletos, procedentes do fogar e ligados a atividades domésticas”.
“Non sabemos se era unha tumba ou unha pía arquitecturizada”, conclúe o equipo de investigadores, “pero desde logo apostamos por un uso cultual para toda esta zona. A pía, de feito, está individualizada nunha pedra tallada a tal efecto e presento unha sorte de billa ou desaugue na parte frontal”.
Fotos cedidas e da autoría do Proxecto O Preguntoiro.
