En portadaSanidadeÚltima hora

Un estudo sobre a “píldora do coñecemento” na vacinación do papiloma humano coordinado dende Valdeorras, nunha revista científica internacional

Entre os investigadores principais están Sergio González Palanca, xinecólogo do hospital do Barco, e Gerardo Palmeiro, médico do Centro de Saúde de Rubiá

 

Un traballo de investigación que demostra a efectividade da intervención educativa para aumentar a intención de vacinarse fronte ao Virus de Papiloma Humano (VPH), no que participa como segundo investigador o responsable da sección de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital Público de Valdeorras, Sergio J. González Palanca, vén de publicarse na revista científica internacional Vaccines, unha das publicacións de referencia mundial no ámbito da vacinación e a saúde pública. O traballo leva por título “A Community-Based Intervention in Middle Schools in Spain to Improve HPV Vaccination Acceptance: A “Pill of Knowledge” Approach”.

Vaccines é unha revista de primeiro nivel, da editorial suíza MDPI, con ampla difusión global e elevada visibilidade científica, especialmente no ámbito da vacinación, saúde pública e políticas preventivas, situada no primeiro cuartil (Q1) do Journal Citation Reports cun factor de impacto superior a 6.

O estudo “Intervención comunitaria en centros de educación secundaria en España para mellorar a aceptación da vacinación fronte ao VPH, cunha abordaxe mediante pílula de coñecemento” desenvolveuse en Galicia, durante o curso académico 2023-2024, e analizou o efecto dunha intervención educativa breve, en centros de educación secundaria, para mellorar o coñecemento, e a aceptación, da vacina fronte ao virus do papiloma humano (VPH), principal causante do cancro de colo uterino, e doutros cancros anoxenitais e orofarínxeos.

Os autores do traballo son Ernesto J. González Veiga, do Centro de Saúde Concepción Arenal da Área Sanitaria de Santiago, como investigador principal, xunto cunha ampla representación de profesionais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, encabezada por Sergio González Palanca e Juan C. Domínguez-Salgado, do Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Público de Valdeorras; e Gerardo Palmeiro Fernández, do Centro de Saúde de Rubiá. Ademais de Paula Rubio Cid do Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Álvaro Cunqueiro de Vigo; María López Pais do Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Clínico Universitario de Santiago; Vito Carlo Alberto Caponio, do Departamento de Ciencias da Vida, Saúde e Profesións Sanitarias da Universidade Link Campus de Roma; Ellen M. Daley da Facultade de Saúde Pública da Universidade do Sur de Florida, de Tampa, Estados Unidos e Alejandro I. Lorenzo-Pouso, da Unidade de Medicina Oral, Cirurxía Oral e Implantoloxía, da Facultade de Medicina e Odontoloxía de Santiago e membro do Grupo ORALRES, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).

A investigación contou cunha mostra de 967 estudantes de entre 12 e 16 anos pertencentes a 16 centros educativos galegos, entre eles tres do oriente ourensán, e baseouse na aplicación dunha sesión formativa estruturada, de apenas 15 minutos, denominada “pílula de coñecemento”. Os resultados amosan un incremento medio do 30% no nivel de coñecemento sobre o VPH e unha mellora moi significativa na intención de vacinación, especialmente entre os adolescentes non vacinados previamente.

 

 

Aumento da intención de vacinarse

En concreto, a vontade de vacinarse aumentou ata o 94,4 % nas rapazas e o 85,8 % nos rapaces, achegándose así aos obxectivos marcados – para 2030- pola Organización Mundial da Saúde, de chegar ao 90%. O estudo demostra ademais que, este tipo de intervencións breves, sinxelas e de baixo custo, poden ter un impacto inmediato e relevante na prevención de enfermidades oncolóxicas asociadas ao VPH.

A efectividade desta intervención educativa, pode servir de guía para o deseño e implantación de estratexias de intervención directa, nos centros educativos, complementarias ás accións que xa se están desenvolvendo desde a atención primaria, no marco da programación de saúde comunitari. A escola consolídase así como un espazo clave, para reforzar a educación sanitaria e favorecer decisións informadas desde idades temperás.

A participación neste proxecto científico, con difusión internacional, da Sección de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital Público de Valdeorras, que dirixe o doutor Glez. Palanca, ten especial importancia e reforza o seu compromiso coa investigación, a prevención e a promoción da saúde, así como coa colaboración en iniciativas de alcance universal, orientadas á mellora da saúde pública mais alá do distrito ou área sanitaria.

Vacinación fronte ao Virus do Papiloma Humano (VPH) en Galicia

A vacina fronte ao VPH foi introducida en Galicia no ano 2008, inicialmente dirixida ás nenas adolescentes, como parte dunha estratexia preventiva fronte ao cancro de cérvix. Co avance da evidencia científica e as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), a estratexia galega foi ampliándose progresivamente.

Dunha banda mantendo a vacinación sistemática das nenas, acadando coberturas elevadas en comparación con outras comunidades e países europeos e, desde setembro de 2022, A Xunta de Galicia incorporou tamén aos nenos ao programa de vacinación sistemática, co obxectivo de mellorar a protección individual, reducir a circulación do virus e avanzar cara á inmunidade de grupo.

O acceso á vacina realízase a través dos centros de saúde, mediante autocita ou solicitude directa, en paralelo os profesionais sanitarios promoven activamente a vacinación, de xeito oportunista cos usuarios e usuarias candidatas durante o seu contacto co sistema sanitario.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button