O reto é sorprender e conquistar os padais do público. E, vendo os resultados, parece claro que se está conseguindo. Por cuarto ano consecutivo “Quiroga de Tapas” achega un abano de vinte saborosas propostas das que poderá desfrutarse noutros tantos locais de hostalaría da vila ata o vindeiro 3 de abril (en horario de 12h. a 14:30h. e de 19h. a 22:30h.) por un prezo de 1,5 euros.
A iniciativa está sendo promovida, un ano máis, polo Concello de Quiroga xunto coa Asociación Provincial de Hostalaría de Lugo. Cada un dos locais participantes prepara unha única tapa, “sendo os seus ingredientes de libre elección, a un prezo de venda ao público de 1,50 euros”. Se ben desta volta será “obrigatorio ofertar a maridaxe cos viños da comarca de Quiroga”.
As tapas desta edición van dende “A fogo lento” (Adega da María), “Leito de espas con gulas e gambas” (A Pedra), “Tosta de champiñóns” (Las Palmeras) e “Arroz con cogomelos, gambas e pementos do piquillo” (O Portón), ata a “Brocheta do val de Quiroga” (Raposo), “Dúo de mar” (Quiper) e o “Cordón blue primavera” (Ruxe-Ruxe).
Tamén se poderá degustar “Pastel de carne con salsa de cogomelos e crocante de queixo” (Lago), “Tosta de ovo en flor con chourizo” (Félix), “Milfollas de berenxena rechea de porco ao romeiro con gratén de queixo deArzúa” (O Roxo Vivo), “Ragut de porco ao viño tinto de Quiroga con verduriñas salteadas” (O Recuncho de Dino), unha “Reinterpretación do cocido galego” (Ferreiriño), “Pemento recheo de bacallau con crocante de berenxena” (A Casa da Pedra), “Carne con peras ao viño do val” (Café Monbel), “Empanada de lacón con grelos e cebola caramelizada” (A Barca) e “Carrillera de tenreira en salsa de chocolate” (Mesón da Clara).
O conxunto de propostas complétase coas deliciosas tapas (que poden verse nas imaxes por esta orde) de “Ovo a baixa temperatura, falsas migas de pan de millo e lisco de porco celta” (Escaleira), “Polbo á brasa” (Casa Torres), “Milfollas de solombo con crema de cogomelos” (A Taberna), o “Cordón blue primavera” (Ruxe-Ruxe) e a “Carrillera estofada con compota de mazá, castaña e pataca crocante” (Chapakuña 3).
En cada un dos locais están a disposición do público os “tapacartóns” ou cartillas de votación. Nas bases tamén se detalla que, cada vez que un cliente deguste a tapa presentada a concurso, “o establecemento deberá selarlle a cartilla de votación na casilla correspondente ao seu establecemento”.
Cando os participantes na ruta completen a degustación de todas as tapas desta edición poderán votar á que máis lle gustou no mesmo “tapacartón”, que logo depositarán nas urnas instaladas en cada un dos locais. Á hora de valoralas deberán ter en conta a presentación e innovación, o gusto, sabor, textura e aromas, así como a calidade dos ingredientes. A data límite para deixar o tapacartón na urna será o 4 de abril antes das 15h. Nese día serán recollidas para efectuar o reconto.
O IV Quiroga de Tapas fallarase no mediodía do 8 de abril no salón de plenos do Concello. O establecemento vencedor recibirá un premio en metálico de 100 euros, ademais dunha placa honorífica; mentres que ao resto de locais seralles entregado un diploma de participación. Asemade, efectuarase un sorteo público de cinco premios entre as cartillas participantes.
Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: Carlos G. Hervella