EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeosViticultura

Un godello valdeorrés, o Guitián fermentado en barrica 2022, Premio Alimentos de España ao mellor branco

O subdelegado do Goberno en Ourense visitaba esta tarde as instalacións da A Tapada, situada en Rubiá e pertencente á D.O. Valdeorras, para felicitar aos adegueiros, os irmáns Guitián

 

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de outorgar o premio Alimentos de España Mellores Viños nas modalidades de tinto, branco, rosado, escumoso e de licor a cinco adegas amparadas, en todos os casos, por unha denominación de orixe protexida (DOP), distintivo que certifica a calidade e a rastrexabilidade tanto do produto español como do seu proceso de elaboración no ámbito da Unión Europea.

Entre os viños recoñecidos figura, na modalidade de branco, o Guitián Fermentado en Barrica 2022, un godello da adega A Tapada (Rubiá), pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras, e con 6 meses en barrica de carballo. Esta adega, pioneira na recuperación da uva da variedade godello, está moi vinculada á zona histórica onde se radica e ao desenvolvemento da DO Valdeorras, coa que ten un forte compromiso. O viño galardoado, segundo o xurado, “é de entrada ampla e agradable, de paso sedoso con marcadas sensacións cítricas. É complexo e elegante, cun final longo e persistente, de cor amarela pajizo, con reflexos dourados e ribete aceirado. Conta con moi boa intensidade aromática con predominio de froita branca e cítrica, así como notas doces, florais e herbáceas”.

A concesión destes galardóns foi outorgada por un xurado formado por persoas de recoñecido prestixio no sector vitivinícola, que elixiron os gañadores de entre os mellores puntuados no concurso internacional Bacchus 2024 e que se presentaron á convocatoria ministerial.

Un día despois de facerse público esta distinción, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitaba esta adega familiar para felicitar aos seus responsables, os irmáns Senén e Mari Carmen Guitián, cos que conversaba. O subdelegado do Goberno aproveitou a ocasión para poñer en valor a importancia do sector vitivinícola na provincia de Ourense que conta con 4 das cinco DD.OO. vitivinícolas de Galicia.

 

 

“O que pretenden estes galardóns é premiar o esforzo e o traballo dos produtos que teñen calidade e que innovan, que permanecen no tempo como é o voso caso que levades dende os anos 80. Eu persoalmente estou moi orgullos porque sodes unha adega pioneira, das primeiras e este premio é realmente un parabén e unha noraboa para a adega A Tapada, pero tamén para a D.O. Valdeorras. E está de noraboa o godello de Valdeorras porque é o protagonista do viño premiado. Un viño que pasou as deliberacións e os criterios dun xurado moi esixente. Esta é unha adega que leva moitos anos loitando por un godello de calidade e que permanece nos principais mercados de España e nos restaurantes de calidade. Tamén, como dicía, é un recoñecemento para a D.O. Valdeorras, unha das catro da provincia de Ourense”.

Os irmáns Guitián amosan a súa satisfacción por este recoñecemento. “É moi importante porque este tipo de recoñecementos permiten darlle unha proxección non só nacional ao viño, senón tamén a nivel internacional”. Este godello premiado é de garda, unha das singularidades que destaca Senén Guitián. “Antes os brancos eran só viños xoves e hoxe os brancos son como os tintos, ben elaborados e cunha graduación media de 12,5 graos para arriba ata 14 o 15, é cando están perfectos, cando ten os aromas e cando se poden facer este tipo de elaboracións”.

Fotos: O SIL.

Back to top button