CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Un grupo de barquenses acompaña ao IEV no seu irmandamento co IEB en Carracedelo (León)

 

Seguindo o programa previsto, na tarde do sábado 15 de novembro celebrábase no complexo El Oro de Roma, en Carracedelo (León), o irmandamento entre o Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV) e o Instituto de Estudos Bercianos (IEB) ao que asistían un grupo de barquenses.

 

 

O acto, conducido polo comunicador Jorge Isla, contaba coa presenza do reitor da Basílica de La Encina, D. Antolín de Cela Pérez, como pregoeiro, que falaba sobre as dúas institucións cun mesmo obxectivo e de omo “defender o patrimonio e o legado de dúas comarcas históricas”.

De seguido tiña lugar o intercambio de placas e as intervencións dos presidentes de ambas institucións, Mar Palacio Banga (IEB) e Aurelio Blanco Trincado (IEV) co acompañamento musical do grupo valdeorrés de música tradicional Trenla e da Coral Voces do Bierzo.

 

 

Nos seus respectivos discursos, os portavoces das dúas institucións puxeron en valor os puntos en común de dúas comarcas “que seguiron camiños moi similares desde hai séculos”. Enumeraron “os moitísimos lazos que unen a Valdeorras e ao Bierzo. O legado romano, a viticultura, os bosques de castiñeiros, a lousa, a minería, a cultura, o Camiño de Santiago, ou o río Sil que atravesa as dúas rexións; son algúns dos moitos puntos en común destas dúas comarcas históricas”.

 

 

O alcade de Carracedelo, Raúl Valcarce Díaz, destacou na súa intervención que “é unha honra para o noso Concello que un acto tan solemne como o irmandamento destas dúas institucións históricas celébrese neste territorio. Os bercianos e os valdeorreses sempre nos tratamos con mutuo agarimo e respecto, e así seguirá sendo nos vindieros anos”.

 

O broche poñía a celebración do magosto tradicional con reparto de castañas asadas, bolo preñado e viño.

 

 

Fotos e vídeos cedidos.

Back to top button