Os servizos de emerxencias lograban controlar un incendio que queimou por completo unha vivenda e afectou ás casas contiguas na praza do pobo do lugar da Vilavella, no concello da Mezquita, tal como informan dende o 112 Galicia que recibía o aviso pasadas as 3:20 horas, cando un particular informou de que ardía unha casa. Pouco despois, “outros alertadores advertiron de que as lapas se estaban propagando ás vivendas próximas a través do tellado”, aseguran.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaban a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron unha dotación ata o lugar, do GES da Gudiña, da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da Mezquita.
“Durante os traballos de extinción, os efectivos despregados procederon ao desaloxo preventivo das vivendas da zona”, aseguran dende o 112, indicando que “o incendio quedou controlado, aínda que o GES continuaba traballando para sufocar por completo as lapas”. A vivenda na que se orixinou o lume quedou “totalmente calcinada e as casas contiguas sufriron diversos danos”, conclúen.

Fotos cedidas.