Á arte local, moita e de gran calidade, volve saír á rúa en Valdeorras, nesta ocasión na Rúa Vella. Esta fin de semana a praza César Conti e a contorna da igrexa de Santo Estevo, dous espazos da zona antiga ruesa, énchense de cor e fantasía coa exposición da obra de sete artistas e tres modalidades moi diferentes.
De pintura, colgadas das paredes das casas da praza figuran os cadros de Álvarez Domínguez “Lito” de gran tamaño e inconfundible colorido; Roberto, quen amosa unha escolma da súa obra que explora diferentes temas entrando agora no relixioso; Clara Quiroga, autora do cartel do Premio de Poesía FDG, os tres da Rúa; e Carmen Blanco, de Petín, que expón por primeira vez na comarca unha obra que atopa no retrato experimental un espazo onde a acuarela, as tintas e materialis inesperados mestúranse co azar. Natureza, instantes e emocións aparecen entre manchas, liñas e accidentes que fan de cada peza algo vivo. A contorna da igrexa ocúpaa integramente a obra de Diéguez, máis de trinta cadros de paisaxes realistas, impresionistas, asbtractos e tamén moitos retratos.


O apartado da escultura ocúpana dous artistas de longa e recoñecida traxectoria, Conde e Torino, que contan cun espazo expositivo propio en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), que acolle unha mostra colectiva a finais de ano.
Por último, a fotografía vén da man de Marga B. Blanco, que xa ten exposto noutras mostras colectivas como a da Portela de Portomourisco, unha fermosa colección de instantáneas, a maioría en branco e negro.
A exposición, que conta coa colaboración da Asociación Sabugueiro, abríase na tarde do venres 18 de setembro e permanecerá toda a fin de semana, en horario de 19 a 22 horas.

Fotos: Mónica G. Bellver.