
O Colexio de Podoloxía de Galicia (COPOGA) fallou o seu concurso de postais de Nadal, un certame que celebra este ano a súa sétima edición para que os máis pequenos da casa comecen a prestar atención aos seus pés e a coñecer máis sobre o seu coidado. Ao concurso, dirixido a nenos e a nenas de entre tres e oito anos, presentáronse máis de 200 propostas nas que os pés e os detalles do Nadal foron os grandes protagonistas.
Claudia, unha nena de seis anos natural da Coruña, e participante na categoría de 3-6 anos, e Nicolla, un neno de oito anos do Barco de Valdeorras, participante na categoría de 7-8 anos, gañaron o certame e os seus debuxos formarán parte da postal do Nadal do COPOGA.

O debuxo de Claudia é unha árbore de Nadal, cuxo tronco está recreado con tres pares de pés ataviados coas botas dos trasgos, de Papá Noel e dos seus renos, e aos pés da fantástica árbore uns incribles e coloridos agasallos. Pola súa banda, Nicolla creou un debuxo no que se pode ver a Papá Noel, que voa na noite estrelada de Nadal cunha zorra en forma de pé.
Os creadores dos dous debuxos gañadores recibirán de obsequio un cheque regalo, valorado en 200 euros, para adquirir produtos nas librerías Nobel. Ademais, todos os participantes recibirán de agasallo un quebracabezas.