SanidadeÚltima hora

Un obradoiro de maquillaxe e coidado da pel para axudar ás pacientes de cancro a sentirse mellor

O Hospital Universitario de Ourense acolleu un novo taller da Fundación Stampa no que participaron dez pacientes

 

O Hospital Universitario de Ourense acolleu un novo obradoiro, do programa solidario da Fundación Stanpa “Ponte guapa, te sentirás mellor”,  de coidado da pel e técnicas de maquillaxe adaptado ás pacientes de cancro, orientado a dar apoio ás mulleres nunha etapa vital tan complexa, como durante un tratamento oncolóxico, axudándoas a sentirse mellor.

Ademáis de todo o que supón a enfermidade, as pacientes tamén teñen dúbidas sobre aspectos prácticos do día a día, desde como maquillarse ou de si poden facelo, de que cremas poden ser máis axeitadas, do coidado do cabelo, ou de que facer ante a perda das cellas ou pestanas. Banais tal vez, pero que forman parte da propia imaxe e que, con pouco, poden contribuir a aumentar o seu benestar nun momento tan complicado.

Este é precisamente o obxectivo dos talleres desta fundación, promovida pola Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética, e que son impartidos por profesionais voluntarios, especificamente formados, que  aportan o seu tempo e coñecementos para axudar ás pacientes a coidar mellor da pel nesta etapa, ou formalas nalgunhas técnicas que as axuden a verse e sentirse mellor, alo menos ante o espello.

Para ser profesor voluntario é necesario ter coñecementos en cosmética, ser maquilladores profesionais, esteticistas ou profesionais da saúde. Previamente todos eles reciben unha formación específica, para facilitar a súa aproximación aos pacientes, ademais de principios cosméticos para o coidado da pel e maquillaxe cando se está a ser tratado de cancro. Asemade, antes de dirixir o seu propio taller asisten a outros como “observadores” antes de integrarse nun equipo.

Seis anos de presenza en Ourense

Esta actividade, que comezou en Ourense durante a pandemia, na súa versión on-line, mudou a presencial en canto as restricións o fixeron posible, aproveitando para elo a cuberta terapéutica do hospital, ao ar libre para evitar contaxios, máis se cabe con pacientes oncolóxicos poden ter menos defensas. A boa temperatura e os beneficios de “saír” do hospital fan da cuberta a sede mais habitual do curso, que hoxe se realizou na área de docencia.

Belén Piñeiro, xefa de Servizo de Atención ao Paciente e Humanización do Hospital Universitario de Ourense, subliña que esta actividade grupal “é moi gratificante para as participantes, porque as empodera e reforza a súa autoestima, ademais de poñelas en contacto con outras mulleres, que afrontan este proceso tan complicado física e emocionalmente” di.

Cada participante recibe un neceser con produtos cosméticos, doados polas empresas integrantes da fundación, en función das necesidades específicas das pacientes. As voluntarias aconsellan sobre o seu uso máis correcto, a vez que se empregan na clase.

O taller é tamén un encontro entre mulleres que afrontan unha enfermidade oncolóxica, polo que o curso serve tamén como punto de encontro entre iguais, promovendo as relacións sociais e o apoio mutuo,  e o coidado do aspecto, o que ademais de mellorar o estado de ánimo, diminúe o nivel de ansiedade, aumenta a autoestima e facilita a interrelación.

O curso é totalmente gratuíto, tan só é preciso inscribirse na páxina da fundación seleccionando o hospital onde se desexa realizar. Na mesma web poden atoparse consellos sobre técnicas e coidados da pele tamén unha guía para profesionais sanitarios así como unha masterclass sobre sobre o uso de cosméticos durante o tratamento oncolóxico, explicados de xeito ameno por profesionais da beleza.

 

Back to top button