Máis de 900 quilos de botelo, 200 de chourizos, 250 de patacas e 225 de verdura. Todo, regado con 900 botellas de viños mencía e godello de Valdeorras e, de sobremesa, 165 bicas. Son, segundo o Concello, os ingredientes cos que se elaboraba o xantar da XXIV edición da Festa do Botelo do Barco que, no mediodía do sábado 17 de xaneiro reunía a preto de 1.300 persoas no pavillón municipal de Calabagueiros.

Xente que acudía coa familia, coa parella ou cos amigos. Moitos da propia vila pero outros de pobos veciños e tamén doutros puntos da xeografía galega. Había representantes empresariais e culturais. Entre os políticos, ademais da corporación municipal, alcaldes e representantes dos diferentes concellos da contorna; tamén había políticos como a parlamentaria autonómica Carmen R. Dacosta, a deputada no Congreso Marga Martín e o secretario provincial do PSdeG de Ourense Álvaro Vila; así como representantes autonómicos como o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles e delegado da Xunta en Ourense Javier Pardo; provinciais, como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; e mesmo nacionais como o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

A música corría por conta dos tres grupos de cantos de taberna e tamén da cantante Lucía que percorría o pavillón tralo xantar, micrófono en man.

Fotos: Carlos G. Hervella.