Achegarse á realidade do comercio do Barco e facer unha primeira toma de contacto de cara á elaboración do Plan Estratéxico do Comercio, que a Xunta de Galicia pretende ter listo a comezamos do vindeiro ano. Este era o obxectivo da primeira visita que facía Gabriel Alén ao Barco como novo director xeral de Comercio.
“É esencial establecer que queremos facer no futuro, preparar un estratéxico de comercio que presentaremos no primeiro trimestre de 2025 e que nos vai marcar a folla de ruta a seguir nos próximos anos. E para iso é fundamental percorrer o territorio, escoitar a aqueles que representan ao comercio, as asociacións comerciais de ámbito profesional, cunha xerencia e cun traballo ben estruturado, que é como está facendo o CCA do Barco, por iso quería estar hoxe aquí”, dicía Gabriel Alén na reunión que mantiña na Casa Grande de Viloira (O Barco) co presidente do Barco Centro Comercial Aberto, Jacobo Arias.
Previamente, Alén facía un percorrido polo comercio barquense, “que me sorprendeu moi gratamente” e que ten campañas en curso “sacando o stock á rúa”, e tamén se achegaba ata a Praza de Abastos. “un dos grandes obxectivos é tamén a dinamización das Prazas de Abastos, transformándoas en mercados excelentes que é un selo de calidade que refrenda a calidade dos produtos galegos”, engadía.
Incidía así mesmo na necesidade de “escoitar ao comercio, xa que a partir de setembro presentamos un proceso participativo no que convocaremos a todo o comercio galego para, nese último trimestre do ano ter unhas reunións técnicas para recoller o que se pode facer mellor de cara ao plan estratéxico”.
De maneira moi positiva valoraba a visita o presidente do Barco CCA, Jacobo Arias. “Estamos encantados de que nos reciba o director xeral”, quen destacaba a boa sintonía existente entre esta asociación e este departamento autonómico, “a súa implicación é moi grande”. Así mesmo, Arias resaltaba a relevancia deste sector no Barco, “temos un comercio incrible, somos unha asociación e un comercio moi unido, moi en bloque, facemos bastantes campañas e temos moitas ganar de seguir”.
Fotos e vídeo: O SIL.