EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Un proxecto do Barco e outro de San Xoán de Río, finalistas dos XV Premios Ronsel

Piel Natura, con sede en Río, levaba o 1º premio no acto que tiña lugar no Teatro Lauro Olmo do Barco

 

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras acollía na mañá deste mércores 3 de decembro a entrega dos XV Premios Ronsel que a fundación entrega como “impulso á actitude emprendedora e recoñecemento do autónomo na economía galega”.

Conducido polos responsables do Polo de Emprendemento no Barco, era o alcalde Aurentino Alonso quen abría o acto dando a benvida aos asistentes e agradecendo á Fundación Ronsel ter escollido esta vila “para un encontro tan especial”, destacando que para O Barco e Valdeorras “terra de emprendedores, é un orgullo acoller este acto que pon en valor o talento, a iniciativa e compromiso social”.

 

 

De seguido tiña lugar a presentación dos 10 proxectos finalistas dos 300 de toda Galicia cos que traballa a fundación, entre os que figuran iniciativas dedicadas a diferentes ámbitos que recibían os seus diplomas. Comezaba o emprendedor barquense Cristian Pombo co seu proxecto de artesanía en madeira Spoombini; Madre Farina adícanse á elaboración de pasta fresca artesanal na Coruña; Tao Belén a terapias holísticas en Porto do Son; Piano Telin de Boiro é un proxecto musical; Rebel Skin lévao unha galega retornada en Santiago; Risco Estudio é un taller de olaría tradicional de Buño na Coruña; Ana Xanti adícase á terapia con son;  Nutrition JGD ten sede en Chantada; Elefantes Rosas é unha cooperativa de ocio e axuda para familias con persoas con trastornos no Porriño; e Piel Natura un proxecto de produtos naturais e de cosmética sólida, en San Xoán de Río.

 

 

Este último, creado e dirixido por Zaira Vidal e Juan Carlos na comarca Terras de Trives, alzábase co primeiro premio dotado con 900 euros. Zaira e o seu socio mudáronse desde a Comunidade Valenciana a San Xoán de Río para emprender no rural galego, un cambio que a propia Zaira considera “incriblemente positivo xa que buscábamos estar en coherencia cos nosos valores persoais e profesionais”. Asegurando que agora traballan “nun entorno que reflexa a nosa paixón pola sustentabilidade, natureza e o benestar”. Coa esta niciativa, á parte de vender buscan “inspirar un movemento cara un estilo de vida máis consciente e sustentable, onde cada persoa se sinta empoderada para facer cambios positivos na súa vida e no seu entorno”.

 

 

O segundo premio, dotado con 600 euros, era para a cooperativa Elefantes Rosas, impulsada por Jéssica Rodríguez e Nerea Menduiña que ofrece ocio inclusivo, acompañamento familiar e actividades adaptadas a persoas con diversidade funcional; e o terceiro, con 300 euros, para Madre Farina, un Take Away de pasta fresca na Coruña.

 

 

O acto contaba asemade coa presenza da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, quen puxo en valor a colaboración da Xunta coa Fundación Ronsel para “darlle un pulo ao emprendemento en Galicia, no marco da Rede de polos de programas de mentorización ou de iniciativas para o encontro entre as persoas traballadoras por conta propia.

 

 

A directora xeral aproveitou o acto para felicitar os proxectos premiados e finalistas, referíndose especialmente aos negocios asentados no rural pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego que vertebra o territorio e fixa poboación. Nesa liña, salientou quea nova orde de axudas unificada para autónomos de 2026 contará cun orzamento de case 41 M€ que incrementará deica os 1,5 M€ o importe do Bono Remuda, para asegurar a continuidade das empresas de éxito. Engadiu que, como novidade, a cota cero para novas altas se estenderá ata os 24 meses para quen se inicie en calquera sector asociado á agricultura, á gandaría e á silvicultura.

 

 

Como membros do xurado presentes no Teatro Lauro Olmo do Barco, estaban Rosa Bouzas, directora o Segmento Pymes da Dirección Territorial Noroeste do BBVA; Jaime Estévez, director de Ágora News; e Luis García Deber, presidente da Fundación Ronsel encargado da clausura.

Entre os asistentes, ademais dos acompañantes dos finalistas, había tamén emprendedores, representantes de organismos culturais e políticos como o alcalde de San Xoan de Río e deputado, Xosé Miguel Pérez.

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Back to top button