CulturaCulturaÚltima hora

Un punto de encontro vivo e necesario: a Biblioteca Pública Municipal Florencio Delgado Gurriarán fai balance do 2025

Foto: A.R.

 

Con motivo da celebración o 24 de outubro do Día das Bibliotecas, a Biblioteca Pública Municipal Florencio Delgado Gurriarán (O Barco) comparte os seus datos de actividade correspondentes ao ano 2025, un exercicio no que o centro consolidouse como un espazo imprescindible de encontro cultural, aprendizaxe e acceso á información.

Desde a súa creación en 1957 —e tras percorrer distintas localizacións históricas ao longo dos anos (baixos do Concello Vello, baixos de Caixa Ourense, oficinas da antiga Policía Local e  Edificio do Conservatorio) ata a súa actual sede na Rúa Academia Dequidt, 6 baixo—, a biblioteca envolucionou de maneira constante para adaptarse ás necesidades dos veciños e veciñas.

Un ano de portas abertas e alta participación

Durante o 2025, a biblioteca recibiu un total de 16.537 visitas (14.431 persoas maiores de 14 anos e 2.206 menores), o que demostra o seu papel como refuxio de estudo, lectura e socialización.

O centro conta xa con 2.903 usuarios rexistrados a 31 de decembro de 2025. Ao longo do ano sumáronse 142 novos socios: 98 adultos  e 44 menores de 14 anos.

Colección, lectura e préstamos

O fondo bibliográfico total da biblioteca ascende a 23.740 exemplares, destacando especialmente o noso Fondo Local, que pon á disposición da cidadanía 658 libros sobre a nosa historia e a nosa terra.

No 2025 incorporáronse 315 novas adquisicións (226 para adultos e 89 para o público infantil e xuvenil).

A paixón pola lectura tradúcese nos 4.661 préstamos realizados ao longo do ano. Os títulos que acapararon as preferencias dos nosos lectores foron:

  • Adultos:
    1. TRILOXÍA DA ASISTENTA — Freida McFadden
    2. VICTORIA — Paloma Sánchez-Guernica
    3. NADA SUCEDE LA VÍSPERA — Chufo Lloréns
    4. EL NIÑO QUE PERDIÓ LA GUERRA — Julia Navarro
    5. LAS HIJAS DE LA CRIADA —  Sonsoles Ónega

Moito máis que libros: servizos e dinamización

A biblioteca é hoxe un servizo público multifuncional. Máis alá do préstamo domiciliario, o centro ofrece:

  • Consulta en sala de toda a colección (infantil, xuvenil e adultos), hemeroteca e Fondo Local.
  • Fondos adaptados: libros de letra grande e lectura fácil para poboación con necesidades especiais.
  • Sala de estudo técnico con postos individuais para estudantes e opositores.
  • Acceso a internet e ofimática (2 ordenadores) e zona Wi-Fi de alta calidade en todo o edificio.
  • GaliciaLe: préstamo dixital de e-books, audiolibros, revistas e películas na rede autonómica.
  • Extensión escolar e visitas de colexios, institutos, Cruz Vermella e campamentos de verán.
  • Servizo de información e referencia bibliográfica.

Cultura viva na rúa e entre as páxinas

A axenda cultural foi outro dos grandes piares do ano. Dentro do programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia, gozamos de propostas como A MAGA FANI, CIRCO NA BIBLIOTECA  ou CONTOS ARREDOR DA TERRA.

Ademais, o 14 de abril vivimos unha gran cita coa presentación do libro “OS BALTAR”.

¡Grazas a todas e todos os que facedes vivo este espazo cada día! A biblioteca é a vosa casa. Agardámosvos para seguir descubrindo historias.

Texto: Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán de O Barco.

Back to top button